A Global Solo Challenge 2027-2028 que terá en Vigo o seu porto de saída e chegada recalca a capitalidade de Galicia nos fitos mundiais da vela

O secretario xeral para o Deporte lembra o terceiro posto do Galicia 93 Pescanova de Javier de la Gándara na Volta ao Mundo de 1993 e o segundo posto do Mapfre en 2018 con Támara Echegoyen na tripulación

O director de Turismo de Galicia destaca a importancia de desestacionalizar a oferta turística e facer do turismo unha actividade xeradora de riqueza os 365 días do ano

Vigo, 23 de xullo de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa,  o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participaron nesta mañá na presentación da regata Global Solo Challenge que na súa segunda edición 2027-2028 terá en Vigo o seu porto de saída e chegada. O obxectivo da competición é dar a volta ao mundo, circunnavegando polos tres grandes cabos, en solitario e sen parar. A súa primeira edición 2023-2024 tamén tivo en Galicia o seu punto de saída e regreso. O 24 de febreiro, Philippe Delamare arribou á Coruña como gañador da Global Solo e o 7 de abril, Cole Brauer fixo o propio como segunda clasificada.

O secretario xeral para o Deporte lembrou a importancia dun fito histórico como dar a volta ao mundo en barco e lembrou a fazaña do Galicia 93 Pescanova que, baixo os mandos de Javier de la Gándara finalizou a Volta ao Mundo de 1993 en terceira posición. Do mesmo xeito, lembrou o segundo posto do Mapfre na Volvo Ocean Race de 2017-2018, cunha tripulación na que estaba outra galega, a regatista Támara Echegoyen que o vindeiro venres será a abandeirada española na cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de París. Neste sentido, Lete Lasa destacou o peso de Galicia na vela mundial e a “capitalidade da nosa terra nos fitos mundiais máis importantes deste deporte, como volverá a ocorrer en 2027-2028 coa segunda edición da Global Solo”.

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou a “singularidade e esixencia” da Global Solo Challenge e felicitou á organización por ter elixido Galicia como “marco axeitado para o seu desenvolvemento”. Neste sentido, Xosé Merelles salientou que “son innegables as calidades desta Comunidade para o desenvolvemento da actividade náutico-turística” e engadiu que eventos coma o que sairá e retornará a Vigo contribúen a desestacionalizar a oferta turística e facer do turismo unha actividade xeradora de riqueza os 365 días do ano.

Ademais, o director de Turismo de Galicia fixo fincapé en que Vigo é o terceiro destino urbano de Galicia, como reflicten os datos de ocupación hoteleira da primeira parte do ano. Adicionalmente, Merelles indicou que o Camiño Portugés da Costa, que transcorre pola cidade olívica, rexistra este ano datos históricos con máis de 38.000 peregrinos, o que supón un crecemento dun 52% con respecto a esta mesma época de 2023.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2024