Román Rodríguez pon a Gradiant de exemplo de impacto económico e social coa creación de tres spin-offs

O conselleiro de Ciencia visita o centro tecnolóxico de telecomunicacións para coñecer os proxectos que está a desenvolver co apoio da Xunta

Destaca a súa participación no programa Ignicia de transferencia de coñecemento da Xunta con catro proxectos e dúas empresas creadas

O centro, que destaca nos eidos da ciberseguridade e das comunicacións avanzadas (5G-6G), incorpora áreas de especialización en tecnoloxías cuánticas e fotónicas.

Vigo, 23 de xullo de 2024

O titular de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe o centro tecnolóxico de telecomunicacións de Galicia Gradiant, do que destacou o seu importante papel na transformación dos resultados da investigación en impacto real na economía e no emprego. De feito, o centro tecnolóxico xa ten creado tres spin-offs, dúas delas ao abeiro do programa Ignicia da Xunta de Galicia, que están xerando ingresos e creando emprego de alta cualificación.

Trátase das spin-offs Alice Biometrics, que ofrece unha solución de verificación de identidade remota baseada en intelixencia artificial, e Sense Aeronautics, que comercializa unha tecnoloxía propia de análise de vídeo que permite operacións con drons máis eficientes e seguras. Asemade, recibiu apoio a catro proxectos a través deste programa que apoia a chegada ao mercado dos resultados da investigación. Ignicia ten apoiado desde 2016 32 proxectos, a chegada ao mercado de 13 deles (10 spin-offs creadas e tres acordos coa industria), a creación de máis de 120 empregos e a captación de máis de 20M€ en investimentos e financiamento público-privado.

Ademais, o conselleiro, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, subliñou a relevancia do centro en ámbitos como a ciberseguridade ou as comunicacións avanzadas (5G-6G) e o seu potencial nas areas de tecnoloxías cuánticas e fotónicas. No ámbito da ciberseguridade, Gradiant participou en dúas unidades mixtas de investigación coas empresas Telefónica e GIC-TEL., esta última aínda en activo. Por outro lado, no terreo da cuántica, o titular de Ciencia salientou a súa especialización en hardware cuántico e a súa participación na Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, impulsada pola Xunta de Galicia.

Por último, lembrou o rol do centro tecnolóxico no impulso á competitividade industrial, a través da colaboración en proxectos como Facendo Plus, liderado por Stellantis, e apoiado pola Xunta de Galicia, con financiamento europeo, a través do programa Fábrica Intelixente e Sustentable. Así mesmo, apuntou a próxima adquisición e posta en marcha dunha infraestrutura de investigación e computación para a realización de actividades de I+D en tecnoloxías de alto impacto e con potencial de aplicación en diversos ámbitos, como as tecnoloxías cuánticas, a fotónica ou a intelixencia artificial, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2024