A conselleira de Vivenda supervisa as obras de humanización e mellora da mobilidade na contorna da praza de abastos de Sanxenxo, nas que a Xunta inviste 1 M€

A intervención inclúe o soterramento do tráfico na rúa de Madrid e a xeración dunha nova praza pública en superficie como actuacións principais 

A execución dos traballos é froito dun convenio entre a Xunta e o Concello, cun orzamento de 2,3M€

A conselleira destaca o proxecto como exemplo de Infraestruturas “que permiten rexenerar espazos públicos” e apostan por un “equilibrio entre mobilidade e sostibilidade, priorizando o espazo urbano en superficie para ás persoas”.

M. Allegue pon en valor a colaboración da Xunta e o Concello de Sanxenxo e subliña que se continuará nesta liña de traballo conxunto, “sumando esforzos e indo da man para conseguir mellorar a vida da veciñanza deste municipio e dos seus milleiros de visitantes”

Sanxenxo (Pontevedra), 23 de xullo de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe xunto ao alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, as obras de humanización e mellora da mobilidade que se están a desenvolver na contorna da praza de abastos, cun investimento de 2,3M€. Deste orzamento, a Xunta aporta, segundo o convenio asinado entre ambas administracións, a cantidade de 1M€, e o Concello os 1,3M€ restantes.

Os traballos contemplan o soterramento do tráfico na rúa Madrid, no treito que va desde o edificio do mercado ata a intersección coa PO-308, executado xa nun 30%, así como a mellora desta rúa no tramo entre a rúa Panadeira e a glorieta coa rúa Progreso, dotando á futura zona de novo alumeado, mobiliario e mesmo elementos para o sombreado da zona. En definitiva, a urbanización dunha nova praza pública en superficie.

M. Allegue subliñou que esta actuación “non só permitirá solucionar o problema de tráfico viario, senón que a vila gañará unha nova e fermosa praza pública para desfrute da veciñanza e dos visitantes”. “Infraestruturas como estas -subliñou a conselleira- permiten rexenerar espazos públicos, permiten reactivar a vida de barrio. Conseguimos así un equilibrio entre mobilidade e sostibilidade, priorizando o espazo urbano para ás persoas”.

A conselleira destacou a frutífera colaboración que manteñen a Administración autonómica e a local de Sanxenxo en materia de mellora de infraestruturas. “Quero agradecer ao alcalde de Sanxenxo a súa colaboración; sempre é un aliado para mellorar as infraestruturas neste Concello. Sanxenxo é fermoso e gústanos dalo a coñecer. Seguiremos -engadiu-nesta liña de traballo conxunto, sumando esforzos e indo da man para conseguir mellorar a vida da veciñanza deste municipio e dos seus milleiros de visitantes”.

Lembrou así mesmo outras actuacións realizadas pola Xunta en Sanxenxo, como a humanización da PO-308 levada a cabo ao seu paso en Portonovo, así como a habilitación do itinerario peonil e ciclista entre Portonovo e A Lanzada. Tamén, en Sanxenxo e Poio, puxéronse a disposición da cidadanía 15 km de sendas peonís e ciclistas na PO-308, dentro do plan de sendas en estradas autonómicas.

Trala visita ás obras da rúa Madrid, a conselleira realizou unha visita ao Concello de Sanxenxo, onde asinou no libro de honra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2024