A Xunta impulsa a mellora na eficiencia enerxética do campo de fútbol de San Tirso en Abegondo

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou a instalación deportiva para coñecer as accións previstas ao abeiro do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local

Actuarase na cuberta dos vestiarios principais e substituirase a iluminación da área de xogo

Un total de seis concellos da área da Coruña recibiron achegas do Goberno galego ao abeiro desta liña dotada con 5 millóns de euros e dirixida a municipios con menos de 15.000 habitantes

Abegondo (A Coruña), 23 de xullo de 2024

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe o campo de fútbol de San Tirso para coñecer as actuacións de mellora da eficiencia enerxética que se prevé realizar co apoio da Xunta. O Goberno galego colabora no proxecto cunha achega superior aos 48.000 euros no marco da liña do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado a concellos cunha poboación inferior a 15.000 habitantes.

Segundo explicou a directora xeral, co obxectivo de mellorar o illamento térmico e evitar as humidades, actuarase na cuberta do edificio dos vestiarios principais coa colocación dunha cuberta de panel sándwich e co revestimento exterior da fachada a base de chapa. Ademais, substituirase a iluminación do campo de fútbol coa instalación de luminarias Led, máis eficientes e que permiten reducir en máis dun 20% o consumo eléctrico. 

As actuacións previstas enmárcanse na liña do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local deste ano, dotada con 5 millóns de euros e destinada á mellora da eficiencia enerxética dos edificios municipais, con prioridade para as instalacións deportivas.

Na área da Coruña hai seis concellos beneficiarios desta medida, con achegas que suman 336.500 euros. Así, ademais de en Abegondo, a Xunta colaborará tamén na mellora enerxética do pavillón de Guísamo en Bergondo, do polideportivo de Visantoña en Mesía, do club náutico de Miño, do edificio da piscina de Oza-Cesuras e dos vestiarios do campo de fútbol municipal de Sobrado. Non conxunto da provincia coruñesa o número de beneficiarios ascende a 28, cun orzamento global superior a 1,5 millóns de euros.

Máis de 445.000 investidos en Abegondo

A maiores da achega para as melloras no campo de fútbol de San Tirso, neste exercicio Abegondo recibe apoio da Xunta para obras de mantemento no centro social de Vios, con 30.000 euros, e para equipamento de recollida de residuos, con 38.500 euros. Ambos os

financiamentos enmárcanse no Fondo de Compensación Ambiental, dotado con máis de 12 millóns de euros e destinado a accións que repercutan na mellora da contorna natural.

Nos últimos anos o Goberno galego investiu máis de 445.000 euros en proxectos impulsados polo concello de Abegondo, a través de distintas liñas de apoio ás administracións locais. A maiores, só en 2023 a localidade recibiu 278.500 euros do fondo base do Fondo de Cooperación Local.

Natalia Prieto referiuse á aposta que está a facer a Xunta polo impulso da eficiencia enerxética nas infraestruturas públicas, cunha liña específica de axudas no marco do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local.

A directora xeral incidiu tamén no compromiso da Xunta cos concellos a través de diversas medidas que facilitan melloras en infraestruturas e servizos locais básicos para a veciñanza. Así, neste exercicio o investimento autonómico para apoiar as administracións locais supera os 600 millóns de euros. O obxectivo é favorecer o equilibrio territorial e garantir a calidade de vida da poboación galega con independencia do seu lugar de residencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2024