A Xunta convoca as probas para obter ou renovar o certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada ou ferrocarril

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude no prazo dun mes a partir de mañá e os exames celebraranse na primeira quincena de novembro

Celebraranse probas válidas para todas as clases de transporte e especializadas en diferentes mercadorías: explosivos, gases, materias radioactivas, sólidas ou líquidas

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2024 

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das probas de obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril, para este ano.

Celebraranse probas válidas para todas as clases de transporte e especializadas segundo o tipo de mercadorías: materias e obxectos explosivos, gases, materias radioactivas, sólidas e líquidas ou líquidas inflamables, entre outras.

As persoas aspirantes poderán presentarse a unha ou varias das probas convocadas, tanto á modalidade de transporte por estrada ou por ferrocarril, como para unha das especialidades citadas.

No enlace ao DOG pódese acceder á toda a información e aos modelos de formularios que se deben presentar para concorrer ás probas. Estas solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes, a contar a partir de mañá. Os formularios achegaranse preferiblemente por vía electrónica a través da ligazón https://sede.xunta.gal.

Os profesionais e persoas que precisen dispoñer deste certificado ou renovalo deberán efectuar os exames correspondentes.

A proba que deben superar as persoas aspirantes na modalidade de obtención do certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas constará de dous exercicios: o primeiro, consiste en responder 50 preguntas tipo test; o segundo céntrase en supostos sobre as tarefas do conselleiro, con referencia ao ámbito do modo do transporte e á especialidade correspondente. No caso das persoas aspirantes na modalidade de renovación do citado certificado, deberán responder a 50 preguntas tipo test.

Os exames celebraranse na primeira quincena do mes de novembro, se ben a data dou datas de realización, así como os cadros de horarios acordados polo tribunal, publicaranse no DOG cunha antelación mínima de quince días naturais á data ou datas elixidas.

Nesta publicación o tribunal tamén completará as instrucións de funcionamento e desenvolvemento das probas coas indicacións que resulten adecuadas para garantir a súa correcta operatividade, sen prexuízo das que, para o mesmo fin, poida adoptar no mesmo momento da súa realización.

Concluídos os exercicios, as relacións de respostas que o tribunal estime correctas serán publicadas na Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en concreto, na sección de formación relacionada co ámbito da mobilidade: https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/formacion-profesionais-transporte/convocatorias.

Exixencia de certificado

Cómpre lembrar que a Directiva europea 2008/68/CE, exíxelles ás empresas que transporten mercadorías perigosas ou efectúen operacións de carga e descarga, dispoñer polo menos dun conselleiro de seguridade encargado de contribuír á prevención dos riscos que implican estas actividades. O mesmo recolle o Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro.

Ademais, o Real decreto 97/2014 establece que, para exercer as funcións de conselleiro de seguridade, o conselleiro deberá superar previamente un exame sobre as obrigacións que lle correspondan e as materias que lle sexan aplicables na normativa sobre mercadorías perigosas.

 

Data de actualización: 23/07/2024