A Xunta enche o Monte do Gozo de actividades para toda a familia co Festival ‘Revenidas Miúdo’

O secretario xeral da Lingua e o director de Turismo de Galicia presentan esta cita que terá lugar o día 28 

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentaron hoxe a segunda edición do Festival Revenidas Miúdo, unha cita que se celebra o vindeiro 28 de xullo no Monte do Gozo co apoio da Xunta de Galicia. Tal e como destacou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, trátase dunha iniciativa incluída na campaña CulturON que o Goberno galego ten en marcha este verán con máis dunha trintena de actividades diarias para todos os públicos. Ademais sinalou que todos os grupos que participan fan música en galego e entran dentro da intervención en política lingüística co público infantil e as familias para consolidar o emprego da lingua nas idades máis temperás.

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, animou ás familias a participar nesta iniciativa e recordou a importancia que ten o turismo familiar na estratexia da Xunta de Galicia, á hora de incluír unha oferta para todos os públicos e en conexión coa natureza. Puxo de manifesto, tamén o valor do Monte do Gozo, cuxa recuperación para acoller eventos e concertos contou co apoio da Xunta de Galicia, e se consolida como lugar estratéxico para a posta en marcha deste tipo de eventos.

O Festival Revenidas Miúdo terá lugar este domingo cun amplo abano de actividades como zona de xogos populares, un mercado creativo ou o concerto de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, que interpretarán as cancións do disco Arrolos de leite. A programación inclúe tamén a proposta con música, humor e narración de Cé Orquestra a actuación de Ollo Piollo. Finalmente, o Mago Noel presentará o seu espectáculo Que Curioso!.

Data de actualización: 22/07/2024