A Xunta aproba a construción de preto de 70 novos parques eólicos cun investimento de máis de 1.800 M€

Galicia cumpre cos prazos establecidos polo Goberno central que marcaban o vindeiro 25 de xullo como data límite para obter a licencia de construción

O Goberno galego está a preparar a futura Lei de administración ambiental simplificada, cuxo obxectivo é contribuír á transición cara a un novo modelo produtivo máis sostible e eficiente

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia aprobou a construción de preto de 70 novos parques eólicos na Comunidade, que suporán un investimento de máis de 1.800 millóns de euros e unha potencia de 1.824,6 megavatios.

Logo da aprobación das correspondentes declaracións de impacto ambiental, a Xunta autorizou xa a construción de 69 proxectos e está a piques de dar o visto e prace a outro parque eólico. Deste xeito, con esta última autorización Galicia cumpre cos prazos establecidos polo Goberno central que marcaban o vindeiro 25 de xullo como data límite para obter a licencia de construción de novos proxectos eólicos.

O cumprimento do devandito fito administrativo foi posible grazas á lexislación autonómica vixente en materia de simplificación administrativa e reactivación económica, pola que a Xunta aproba de xeito conxunto a autorización administrativa previa e a construción do parque eólico, o que supón unha maior axilidade á hora de poñer en marcha estas iniciativas.

Nesa liña, cómpre indicar que o Goberno galego está a preparar a futura Lei de administración ambiental simplificada, cuxo obxectivo é contribuír á transición cara a un novo modelo produtivo máis sostible e eficiente. Así, a futura normativa pretende reforzar a seguridade xurídica dos proxectos para garantir o imprescindible equilibrio entre o desenvolvemento das distintas iniciativas e a protección do medio natural así como unificar e actualizar a regulación nesta materia e adaptar a normativa europea aos novos retos climáticos.

A Xunta avanza así no seu compromiso cunha planificación enerxética ordenada que permita achegar seguridade xurídica ao tempo que se prioriza un desenvolvemento compatible co medio natural. De feito, o Goberno galego aposta pola estabilidade e a seriedade á hora de desenvolver proxectos industriais coas máximas garantías medioambientais para garantir que o futuro da Comunidade sexa máis competitivo, máis verde, máis sostible e máis resiliente.

Data de actualización: 22/07/2024