A Xunta impulsa a divulgación do oficio da sombreirería no ‘Festival Asnot’ de Padrón

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron hoxe na presentación deste evento que busca animar ao uso de sombreiros a través do humor e do enxeño

A Xunta patrocina un mercado de sombreirería este mércores 24 de xullo, a 1ª edición do concurso Chapeu Contest que busca reinterpretar un sombreiro tradicional galego e unhas xornadas profesionais de sombreirería que se celebran entre hoxe e mañá

Padrón (A Coruña), 22 de xullo 2024

A Xunta colabora por primeira vez na celebración do Festival Asnot de Padrón, un evento centrado na divulgación do sombreiro a partir da retranca, do humor e do enxeño. O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron esta mañá na presentación do evento que comeza hoxe cunhas xornadas profesionais e cuxa programación principal terá lugar este mércores 24 de xullo. Durante a presentación, Alén destacou o apoio do Goberno galego a este evento monográfico co obxectivo de que chegue a converterse en referente para os profesionais da sombreirería e dos complementos de moda de Galicia. 

A través da Fundación Artesanía de Galicia, patrocínanse diferentes partes do evento, entre as que destaca a primeira edición do Premio de Sombreirería de Asnot Chapeu Contest, dotado con 600 euros. Co lema “Re-visita con mirada presente”, este galardón pretende convidar a profesionais e afeccionados a reinterpretar un sombreiro vinculado ao traxe tradicional galego –un sancosmeiro, unha monteira ou un pucho– co obxectivo de revalorizar estes sombreiros tradicionais e de traelos á actualidade. As pezas finalistas están expostas en diferentes establecementos comerciais do centro de Padrón, e os gañadores daranse a coñecer este mércores 24 de xullo. 

A Xunta colabora tamén coa segunda edición do Chapeu Market, un mercado de sombreirería que se celebra tamén o día 24, no Paseo do Espolón en horario de 11,00 a 21,30 horas. Esta iniciativa busca consolidarse como un punto de encontro profesional do sombreiro en Galicia e neste espazo está previsto que participen tres profesionais da marca Artesanía de Galicia: os sombreireiros Félix de Martín (Ourense) e Julia Vilariño (Pontedeume), e a cesteira María Isabel Liñares Recimil (Silleda), especializada en labores de palla. 

Outra das novidades da edición deste ano é a organización das Xornadas Profesionais de Sombreirería. Tradición e contemporaneidade, que se celebran entre hoxe e mañá na Casa Museo Rosalía de Castro. A entrada é de balde, previa inscrición. Entre os relatores atópanse o sombreireiro español con sede en Londres Rafa Peinador, a deseñadora galega Jana López, creadora da marca Maar Hats, o sombreireiro Félix de Martín -que tamén é o coordenador das xornadas- e a asociación cultural Trenzarte, de Mazaricos, especializada nas labores de palla e na elaboración dos tradicionais sombreiros sancosmeiros.  

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2024