A Xunta reforza a contratación neste verán de auxiliares de policía local nos concellos máis turísticos

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes salienta que se destinan “145.000 euros” á contratación de profesionais “en once municipios” da comunidade 

O obxetivo é reforzar a seguridade nos concellos “nos que se multiplica a poboación” durante o periodo estival

O Goberno autonómico leva investido máis de 1 M€ nestes apoios desde 2012

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou hoxe de que a Xunta destina este verán 145.000 euros “a impulsar a contratación de auxiliares de policías locais en 11 concellos turísticos” da comunidade. O obxectivo é “reforzar a seguridade” naqueles municipios “nos que se multiplica a poboación durante o verán”.

A través do Plan específico de subvencións para a contratación de auxiliares de policía local, a Xunta subvenciona as contratacións que realicen os concellos entre o 1 de xuño e o 30 de setembro deste 2024.

Consonte os criterios de selección, 11 concellos recibirán as axudas á contratación de auxiliares de policía local este ano: Sanxenxo, O Grove, Baiona, A Guarda, Poio, Cangas, Cambados e Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra; así como os concellos coruñeses de Miño e A Pobra do Caramiñal, e o lucense de Monforte de Lemos.

Tal e como explicou Calvo, os concellos poderán recibir entre 8.000 € e 21.500 € para “sufragar parte dos gastos de contratación” deste auxiliares de policía local. A contía calcúlase tendo en conta a porcentaxe que representan as prazas hoteleiras en cada concello respecto da súa poboación total.

Deste xeito, nos municipios nos que as prazas de aloxamento supoñan máis do 75 % sobre o total de habitantes reciben axudas por importe de 21.500 euros, como é o caso de Sanxenxo e O Grove. No concello de Baiona, onde as prazas de aloxamento representan máis do 40 %, a contía máxima é de 18.500 euros, mentres que nos municipios que como A Guarda, Miño e Poio, a porcentaxe supera o 20 %, a subvención é dun máximo de 12.500 euros. Cangas, A Pobra do Caramiñal e Cambados recibirán 10.000 euros en cada caso, debido a que as prazas de aloxamento en comparación coa poboación é superior ao 15 %, e no caso de Vilagarcía de Arousa e Monforte de Lemos, a subvención será de 8.000 euros debido a que representa menos do 15 %. 

Outros criterios de selección

Entre os criterios de selección, ademais de contar con máis de 5.000 habitantes e cun mínimo de 1.000 prazas de aloxamento, exíxese contar coa declaración como municipios turísticos galegos, cun corpo de policía local e participar no proceso selectivo unitario para a cobertura de postos de auxiliares de policía local, convocado pola Orde do 12 de febreiro de 2024. 

Alternativamente requírese ter convocados procesos selectivos para a cobertura de postos de auxiliares de policía local durante este ano, e ter remitidas as bases da dita convocatoria á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para os efectos da emisión de ditame. 

Desde a posta en marcha do plan, en 2012, o Goberno galego leva investidos máis de 1,1 millóns de euros no financiamento da contratación de auxiliares de policía local durante a tempada de verán nos concellos turísticos da comunidade. Nesta liña, cómpre salientar que o orzamento deste exercicio é dos máis elevado dos 11 anos de aplicación, só igualado ás convocatorias de 2023 e 2021.

A Xunta colabora desta forma cos concellos máis turísticos de Galicia co obxectivo de reforzar a eficacia dos seus corpos policiais. A medida enmárcase ademais no compromiso para facilitarlles ás administracións locais a prestación de servizos a prol da seguridade de veciñanza e visitantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2024