A Xunta continúa a difundir o legado de Luísa Villalta cunha mostra no Museo do Mar de Galicia

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destaca na inauguración que a exposición que “fai moi doado coñecer e comprender a traxectoria da escritora desde moi diversos puntos de vista”

O percorrido consta de 14 paneis con textos divulgativos, seis vitrinas con pezas orixinais e un vídeopoema recitado pola creadora

Esta é unha das múltiples propostas que ofrece a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude este verán co programa ‘CulturON’

Vigo, 22 de xullo de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, a mostra Luísa Villalta. A música das palabras, coa que a Xunta segue a contribuír na difusión do legado da autora homenaxeada este ano polas Letras Galegas.

A exposición componse de 14 paneis divulgativos que transportan ao visitante polos fitos máis importantes da vida e obra da coruñesa. A eles súmanse seis vitrinas con pezas orixinais relacionadas coa protagonista e un vídeopoema recitado pola propia creadora. Un repaso que, segundo resaltou Anxo M. Lorenzo, “fai moi doado coñecer e comprender a traxectoria de Luísa Villalta desde moi diversos puntos de vista, desde a súa infancia e a súa etapa universitaria á súa evolución no eido musical, os seus primeiros escritos e o seu labor intelectual, activista e docente”.

Neste senso, lembrou, a proposta que chega agora a Vigo e que xa puido verse na Coruña entre maio e xuño, pretende “continuar celebrando a figura da escritora ao longo do territorio galego, poñendo en valor e achegando á sociedade a gran aportación que deixou na nosa cultura”.

A exposición, comisariada por Xesúz Domínguez Dono e enmarcada na programación do CulturON da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pode visitarse ata o 25 de agosto no horario habitual de apertura do Museo do Mar de Galicia (martes a domingo e festivos de 11,00 a 14,00 horas e de 16,30 a 20,30 horas).

Data de actualización: 22/07/2024