A Xunta activa para mañá unha alerta laranxa por altas temperaturas en Ourense

O episodio prevese que comece ao mediodía deste martes con máximas de ata 39 graos nas zonas sur e Miño da provincia 

A Xunta recorda a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a súa web www.axega112.gal

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2024

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de activar para mañá a alerta laranxa por altas temperaturas nas zonas Sur e Miño de Ourense. Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), trátase dun fenómeno meteorolóxico que se espera que comece arredor do mediodía con temperaturas máximas de ata 39 graos. 

A zona do Miño ourensán xa está esta tarde en nivel amarelo por temperaturas de ata 36 graos. Mañá, ademais, activarase o nivel amarelo por máximas de 38 graos na zona de Valdeorras, así como nas Rías Baixas e zona do Miño da provincia de Pontevedra, onde se alcanzarán máximas de 34 graos.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións; servizos provinciais; e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Ante este episodio de altas temperaturas, recoméndase extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerables como persoas maiores, nenos, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre.

Recoméndase limitar a exposición o sol, manter unha boa ventilación e ter en conta os cambios de temperatura. É tamén aconsellable manter unha hidratación adecuada, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol. 

Por último, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Data de actualización: 22/07/2024