A Xunta intensifica a oferta turística do verán da cidade da Coruña co seu apoio ao Morriña Festival

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participan na presentación da cita que se celebra o venres e sábado

Xosé Merelles salienta o compromiso do Goberno galego coa cidade co apoio de grandes eventos como este e outras citas musicais recentes como os concertos de Maná, Juan Luis Guerra, Luis Miguel ou o próximo de Rod Stewart, entre outros

A Coruña, 22 de xullo de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participaron hoxe na presentación da nova edición do Morriña Festival que se celebrará este venres e sábado co apoio da Xunta de Galicia. Xosé Merelles puxo de manifesto o compromiso do Goberno autonómico coa celebración desde festival “coa intención de intensificar a oferta turística da cidade que está a ser un dos destinos urbanos máis salientables”, dixo.

Neste sentido, recordou que A Coruña é o segundo destino urbano con maior demanda turística de Galicia e que este ano está a crecer a un ritmo do 4%. “É un destino que gusta, e gusta moito, e con grandes eventos e citas musicais como estas contribuímos a incrementar o seu atractivo”, expresou.

Puxo como exemplo o éxito dalgunhas das citas xa celebradas durante o ano co apoio da Xunta como os concertos de Queens of the Stone Age e Maná, no marco do Gozo Festival; os de Juan Luis Guerra e Gilberto Santa Rosa ou o festival de música electrónica Wake Up Dreams e os concertos de Coruña Sounds de Emilia, Camilo, Robe Luis Miguel e este mércores de Chris Isaak. Salientou, ademais, vindeiras citas como o concerto de Rod Stewart en decembro con Gozo Festival ou os espectáculos que ofrecerán tamén a finais de ano na cidade Sara Baras ou Raphael, entre outros.

No que se refire ao Morriña Festival, o director de Turismo de Galicia agradeceu aos seus promotores, Bring the Noise o seu “incansable traballo” por “conseguir consolidar” este festival que está considerado o festival urbano máis grande de España e que chega á súa terceira edición avalado polas boas cifras do ano pasado con máis de 15.000 espectadores cada un dos días. Recordou que o apoio da Xunta se enmarca na estratexia do Goberno autonómico por reforzar a marca turística Galicia a través dos festivais.

Artistas e grupos

Salientou tamén a importancia destas iniciativas para que A Coruña continúe a consolidarse como o segundo destino urbano de Galicia, cuxa demanda está a medrar a un ritmo do 4% nos cinco primeiros meses do ano con máis de 365.000 noites nos hoteis e pensións da cidade.


O Morriña Festival terá lugar o 26 e 27 de xullo e contará coas actuacións xa o mesmo venres de Louis Tomlinson, Editors, Nicki Nicole, Iván Ferreiro, Dani Fernández, Juan Magán, Sen Senra, Dorian, Marlena e Enol. O sábado 27 de xullo será a quenda de Aitana, Lola Índigo, La La Love You, Yandel, Iñigo Quintero, Dei V, Pedro Capó, Malmö 040, Dollar Selmouni, Yeico x Troni, Garabatto, Tashi e Toni Seijas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2024