A Xunta demanda máis diálogo por parte do concello e implicación do Goberno central no proxecto da Coruña como sede do Mundial de fútbol

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou no acto de presentación da candidatura elixida, onde reafirmou a vontade de colaboración do Goberno galego

Para Diego Calvo ábrese unha nova etapa que require da participación de todas as administracións, tamén no financiamento a partes iguais

A Coruña, 20 de xullo de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe no acto de presentación do proxecto da Coruña como sede do Mundial de Fútbol 2030, onde demandou máis diálogo por parte do Concello e maior implicación do Consello Superior de Deportes na candidatura elixida. O conselleiro reafirmou o compromiso  da Xunta coas candidaturas galegas ao Mundial, xa manifestado en setembro de 2022 a través dun acordo aprobado polo Consello do Goberno galego, e expresou a satisfacción de que fose elixida unha sede na comunidade.

Para Diego Calvo, agora “comeza unha nova etapa na que é precisa maior participación e diálogo entre todas as administracións”, especialmente despois de que a Xunta amosase xa a súa vontade de colaboración tamén no financiamento. Nesta liña, indicou que deben implicarse todas as administracións, incluído o Consello Superior de Deportes. “Non se entendería que a participación de España no Mundial a paguen os concellos, as deputacións e as comunidades autónomas”, afirmou. Tamén insistiu en que ese financiamento debe ser a partes iguais e emprazou a coñecer o proxecto definitivo para avanzar.

Diego Calvo referiuse á elección da candidatura da Coruña como “unha boa nova para o deporte” e abondou nos importantes logros dos deportistas galegos. Así, lembrou que en poucos días comezan os Xogos Olímpicos de París coa presenza de máis de 30 deportistas galegos, aos que se suman 14 máis nos Xogos Paralímpicos. “Na Xunta estamos sempre do lado do deporte e imos estar ao lado da Coruña neste tempo novo, no que agardamos diálogo construtivo para que o proxecto sexa unha cousa de todos”, engadiu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/07/2024