O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado pola secretaria xeral técnica e polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, mantivo esta semana un encontro de traballo cos responsables desta Federación

A consellería de Sanidade e a Federación Down Galicia colaboran para avaliar o envellecemento da poboación con esta síndrome

O convenio de colaboración permitirá desenvolver un programa piloto para probar a eficacia dunha batería de test de avaliación da memoria e das capacidades cognitivas de persoas con síndrome de down e discapacidade intelectual

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2024

A Consellería de Sanidade e a Federación Down Galicia colaborarán na no desenvolvemento dunha ferramenta dixital que avalíe o envellecemento da poboación con esta síndrome. 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado pola secretaría xeral técnica, Natalia Lobato, e polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, mantivo esta semana un encontro de traballo coa Federación Down Galicia, representada polo seu presidente, Delmiro Prieto, e pola súa xerente, Sonia Caldas.

O convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade e a Fundación ten por obxecto o desenvolvemento, no presente ano, por parte da Federación Down Galicia, dun programa de pilotaxe dunha batería de test dixitais para cubrir diferentes ámbitos da memoria e capacidades cognitivas especificamente adaptadas ás persoas con síndrome de down e discapacidade intelectual. Será a propia Federación a responsable técnica e administrativa da xestión do programa obxecto do convenio.

Para acadar este obxectivo, a Consellería de Sanidade comprométese a achegar a cantidade de 10.000 euros, tal e como recolle o acordo. 

Esta iniciativa enmárcase no Proxecto para a atención sanitaria no proceso de envellecemento das persoas con síndrome de down, que resultou finalista na IV edición dos Premios de Innovación en Saúde que organizou a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), organismo dependente da Consellería de Sanidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/07/2024