A Xunta pon en valor o papel dos consellos reguladores na defensa da calidade alimentaria de Galicia

María José Gómez reafirmou o apoio do Goberno galego a estas entidades, co fin de afianzar o peso das producións de calidade en Galicia e tamén no panorama nacional e internacional

Puxo de relevo as axudas a estes organismos, o plan de promoción da calidade dotado este ano con 6 M€, a organización de sete feiras nas sete cidades galegas e a central de compras que xa está en fase piloto na web de Experiencias de Calidade

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou este mediodía na xuntanza de confraternidade dos consellos reguladores de Galicia, onde aproveitou para poñer en valor o seu papel na defensa da calidade alimentaria da nosa comunidade.

Neste acto, que tivo lugar na sede da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega -anfitrioa do encontro- , Gómez reiterou o apoio da Xunta a estas entidades. Así, afirmou, “a calidade é o eixo dos produtos aquí representados e, nese sentido, quero reafirmar o compromiso de seguir apoiándovos e potenciar aínda máis esa excelencia”. Nesta mesma liña, a conselleira sinalou que esta colaboración ten como finalidade “afianzar” o peso destas producións de calidade en Galicia e, tamén, “incrementalo no panorama nacional e internacional”.

Neste sentido, a titular da Consellería do Medio Rural definiu os consellos reguladores como “defensores” da calidade das producións amparadas por denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, que conforman as Experiencias de Calidade de Galicia, salientou.

Axudas e plan de promoción

Gómez insistiu no apoio do Goberno galego a estes organismos, que se manifesta, tal como explicou, a través de diferentes liñas de axudas e tamén cun plan de promoción dos produtos de calidade que neste ano 2024 está dotado con arredor de seis millóns de euros, destacou. A maiores, a conselleira puxo en valor a promoción no mercado galego mediante a organización de sete feiras nas sete cidades e cunha central de compras que xa está en fase piloto na web de Experiencias de Calidade.

En parecidos termos, fixo unha mención especial ao consello regulador da IXP Ternera Gallega, organizador do acto. Así, lembrou que máis da metade da carne de vacún que se comercializa en España baixo un selo de calidade (o 57%) está amparada por este indicativo galego, que certifica, ademais, arredor do 24% da carne de vacún sacrificada na nosa comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2024