A Xunta destaca as oportunidades laborais da primeira promoción de expertos en elaboración e negociación de plans de igualdade da Universidade da Coruña

O  secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta tarde no acto de despedida e entrega de diplomas a este alumnado da Escola de Relacións Laborais herculina

Puxo de relevo a colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a UDC para culminar a formación destes profesionais que se encargarán de garantir o adecuado deseño, desenvolvemento e acerto dos plans de Igualdade nas empresas 

Resaltou iniciativas da Xunta como o campus formativo en igualdade laboral ou o Programa Responsabilízate dirixido a pemes e autónomos para que aposten pola Responsabilidade Social Corporativa 

A Coruña, 19 de xullo de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta tarde no acto de despedida e entrega de diplomas á primeira promoción de expertos en elaboración e negociación de plans de Igualdade da Universidade da Coruña (UDC). Na Escola de Relacións Laborais herculina, puxo de relevo as oportunidades laborais deste alumnado que remata agora a súa formación, de cara ao deseño de plans de igualdade que permitan acadar a equidade real e efectiva nas empresas. 

Nesa liña, o secretario xeral destacou como clave a formación eminentemente práctica para adquirir o pleno coñecemento da normativa reguladora no ámbito da Igualdade, iniciar a elaboración de plans de Igualdade, definir o procedemento negociador e saber como executar o informe de diagnóstico, ademais de saber como avaliar e facer o seguimento do cumprimento dos plans.

Así, destacou o inxente labor da Xunta -a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración- para a implantación da igualdade laboral, con iniciativas como unha web (https://aigualdadelaboral.gal/) con recursos tanto de asesoramento para a elaboración de plans de igualdade como de información e formación para garantir a igualdade de oportunidades nos centros de traballo. 

Nese senso, fixo alusión ao campus formativo en igualdade laboral, que conta con máis de 6.000 persoas usuarias das que arredor de 4.000 se certificaron nun ou máis cursos desde a posta en marcha da iniciativa en 2021.

Pablo Fernández tamén se referiu a iniciativas como o Programa Responsabilízate da Xunta que -na súa cuarta edición xa- busca situar a Galicia á vangarda da promoción da Responsabilidade Social Empresarial, co gallo de que as empresas apliquen na súa xestión valores sociais como a igualdade, medioambientais e de goberno corporativo. O programa, de carácter gratuíto, está dirixido a pemes e autónomos que teñan o seu domicilio social ou conten con centro de traballo na nosa Comunidade. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2024