A Xunta recibe catro ofertas para a construción de 50 vivendas de promoción pública en Xuxán, na Coruña, cun investimento de máis de 11 millóns de euros

En total construiranse 50 novas vivendas, 106 prazas de garaxe e 4 locais de uso comercial na parcela Z-38, que ten unha superficie aproximada de 1.600 m2

Santiago de Compostela 20 de xullo de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas continúa avanzando na tramitación do contrato para a construción de 50 novas vivendas de promoción pública na parcela Z-38 de Xuxán, na Coruña.

Con tal motivo, a mesa de contratación reuniuse para a apertura das ofertas presentadas a estas obras, licitadas por máis de 11 millóns de euros. Son catro as empresas que optan á construción das vivendas.

Trátase de construír 50 vivendas, 106 prazas de garaxe e 4 locais de uso comercial na parcela Z-38.

En concreto, a nova promoción obxecto desta licitación emprazarase nunha parcela cunha superficie de 1.600 metros cadrados. O inmoble coas 50 vivendas disporá de tres plantas subterráneas, onde se sitúan os garaxes, rochos e espazos para as instalacións, e dunha planta baixa, onde se localizan os portais de acceso ás vivendas, locais comerciais e locais de instalacións comúns.

Nas cinco plantas altas haberá 50 vivendas. En total, o edificio terá 36 vivendas de 3 dormitorios (entre 87,25 e 90,60 metros cadrados útiles, das cales 2 estarán adaptadas para persoas con mobilidade reducida), 7 con 4 estancias (entre 112 e 114 metros cadrados útiles) e 7 con 2 dormitorios (entre 70,45 e 72,50 metros cadrados útiles).

Na planta baixa sitúanse os portais de acceso, os locais comerciais, o local comunitario, as salas de instalacións e parte da reserva de espazo para os residuos.

As obra son financiadas en preto do 75% con fondos propios da Xunta, e contan con fondos europeos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Data de actualización: 20/07/2024