A Xunta destaca a importancia do comercio local na posta en valor e no impulso da marca Artesanía de Galicia

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron a tenda de Creativas Galegas, un dos establecementos de referencia que comercializa produtos de Artesanía de Galicia

Gabriel Alén puxo de relevo o importante labor que realiza esta iniciativa a prol da unión de pequenas marcas con perfís moi diferentes para buscar unha mellora na xestión e unha maior proxección comercial

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, destacou esta mañá a importancia do comercio local na posta en valor da marca Artesanía de Galicia e no impulso deste sector. Fíxoo durante unha visita á tenda de Creativas Galegas, en Santiago de Compostela, na que estivo acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro.

Alí, o director xeral tamén puxo de relevo o importante labor que realiza a cooperativa Creativas Galegas, que exemplifica a adaptación a novos patróns de consumo. Nesta liña, destacou a súa aposta pola unión de pequenas marcas con perfís moi diferentes para buscar unha mellora na xestión e unha maior proxección comercial.

O seu fin é crear sinerxías, ampliar perspectivas e obter maiores beneficios como colectivo e para iso reúne e dá visibilidade a profesionais do ámbito da creación galega con diferentes perfís, entre os que se atopan máis dun cento de obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia, 21 dos cales forman parte da tenda que rexentan na capital galega.

Este establecemento é un dos 46 adheridos á marca Artesanía de Galicia, que acreditan que comercializan produtos dun mínimo de cinco obradoiros artesanais rexistrados, e é   un referente na comercialización da artesanía da comunidade, debido á alta porcentaxe deste tipo de produtos na súa oferta.

Creativas Galegas

Creativas Galegas é unha cooperativa creada no ano 2019 e impulsada por tres promotoras, que son as artesás Sandra Betanzos de Amoroteu (Ames); Bea Barril, de Spacio B (Santiago de Compostela), e Isabel Pernas, das marcas Quenindiola e Paripepop. A cooperativa abre a súa tenda de Santiago de Compostela no Nadal de 2020, como un punto de venda efémero co que chegar directamente aos consumidores minimizando custos de comercialización.

Este establecemento funciona tamén como un espazo de promoción e divulgación dos oficios artesanais e das actividades creativas dos socios da cooperativa Creativas Galegas, a través de demostracións en vivo coma os Escaparates viventes, que realizan en épocas coma o Nadal ou os Días Europeos da Artesanía, exposicións, faladoiros ou obradoiros de iniciación que organizan ao longo do ano.

Neste ano 2024, o espazo de Creativas Galegas foi o lugar de celebración dos cursos de marroquinería impulsados pola Fundación Artesanía de Galicia no marco do seu programa de formación especializada para artesáns e de impulso do relevo xeracional Aprender da tradición. Oficios e técnicas.

Os obradoiros de Artesanía de Galicia que participan na tenda de Creativas Galegas na actualidade son: María Feijoo (Santiago de Compostela), Amorote (Ames), La con Agarimo (Santiago de Compostela), Mailo (Vedra), Dona Formiguinha (A Estrada), Futakuchi – Boro (Ourense), Capixuta (A Estrada), Soledad Mato (Oroso), Nobelo a nobelo (A Estrada), Cristina Leiro - Caracoliña (Vilagarcía), Belategui Regueiro (Cambre), Chus Acivro (Santiago de Compostela), Sonia Arnaiz (Santiago de Compostela), Susana Ambrosio - Hiar Artesania (Salvaterra de Miño), Mocao (Oleiros), Annabel Martínez (Culleredo), Spacio B (Teo), Denadinteriores (Santiago de Compostela), Tres Oficios (Teo), Néboa na Ría (Sada) e Sam fall (Santiago de Compostela).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2024