A Xunta reduce a burocracia para as máis de 29.000 familias numerosas de Galicia

Unifícanse nun só procedemento os trámites de solicitude, renovación, modificación ou duplicado do Título de Familia Numerosa, do Carné Familiar Galego e do certificado de non nado

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2024

A Xunta reduciu a burocracia para as máis de 29.000 familias numerosas de Galicia. A principal novidade é que se unifica nun só procedemento os trámites de solicitude, renovación, modificación ou duplicado do Título de Familia Numerosa, así como a solicitude do Carné Familiar Galego e do certificado de non nado, que permite acceder a vantaxes antes de que se produza o nacemento.

Ata o de agora, a Xunta tiña diferentes procedementos para realizar estes trámites, o que supoñía maior carga burocrática para as familias. Por exemplo, a solicitude do Carné Familiar tiña que realizarse de xeito independente á solicitude do Título Oficial, o que obrigaba ás familias a realizar dúas solicitudes distintas.

Esta redución da burocracia responde a unha demanda da Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN), coa que a Xunta vén traballando desde hai anos na adopción de medidas a prol deste colectivo. Hai que recordar que o Título oficial de Familia Numerosa é único para toda a familia e con validez para toda España; mentres que o Carné Familiar é un documento individual para cada membro da familia e permite acceder a descontos e vantaxes en máis de 600 establecementos galegos adheridos.

Data de actualización: 21/07/2024