A Xunta licita por preto de 23 millóns de euros o contrato de subministro de suturas mecánicas con destino aos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde

A duración inicial deste contrato é de 3 anos, recollendo a posibilidade de ser prorrogado por 2 anos máis, acadando neste caso os 37,8 millóns de euros

O expediente para adquisición de suturas cirúrxicas inclúe dispositivos, grampas e clips que permiten unións seguras e precisas, con menor risco de contaminación e redución dos tempos operatorios

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2024

O Portal de Contrato Públicos de Galicia publicou o anuncio de licitación do contrato de subministro sucesivo de suturas mecánicas para as sete áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde, por un importe de  22.950.581 euros. 

As empresas subministradoras deste material sanitario poderán concorrer neste procedemento aberto presentando as súas ofertas ata o vindeiro 30 de agosto.

Esta é a primeira contratación centralizada deste tipo material coa que o Executivo galego agarda obter un aforro de 390.773 euros ao ano (unha redución media do 5% respecto aos prezos actuais).

A duración inicial do contrato será de 3 anos, podendo ser prorrogado durante 24 meses máis, acadando neste caso un importe de 37,8 millóns de euros.

Distribuído en 21 lotes, o expediente inclúe a adquisición daqueles produtos necesarios para realizar suturas cirúrxicas mediante o uso de dispositivos, grampas e/ou clips, destinados á unión de órganos internos, vasos sanguíneos e pel. Así, o seu emprego é habitual en intervencións cirúrxicas gastrointestinais, torácicas, xinecolóxicas ou bariátricas, entre outras.

Mediante estes dispositivos, a sutura dos tecidos realizase dun xeito seguro e preciso,  proporcionando un menor traumatismo, un menor risco de contaminación polo contido das vísceras, a redución de tempos cirúrxicos e a diminución de complicacións postoperatorias.

O Servizo Galego de Saúde continúa a optimizar ao máximo os recursos económicos e materiais dos que dispón. Así, o sistema de compra centralizada garante a redución dos custos e o acceso aos contratos, especialmente, de pequenas e medianas empresas fabricantes e distribuidoras.

Data de actualización: 19/07/2024