A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse recentemente coa alcaldesa da localidade

A Xunta avalía co concello de Salvaterra de Miño vías de colaboración en materia de augas

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2024

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, avaliaron nunha reunión que mantiveron recentemente vías de colaboración en materia de augas.

Nesa liña, analizaron a situación do proxecto de mellora das infraestruturas de saneamento da localidade. Así, a conselleira informou á rexedora da previsión de adxudicar antes de que remate o ano as obras para construír unha estación depuradora de augas residuais (EDAR) no río Mendo, que foron licitadas o pasado mes de maio cun orzamento de 1,9 millóns de euros e que serán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

E, no que atinxe ao abastecemento, Marta Valcárcel trasladoulle a Ángeles Vázquez a necesidade de levar a cabo tamén melloras na rede de abastecemento. Máis polo miúdo, subliñou que sería preciso un novo vaso no actual depósito de auga para garantir o abastecemento no verán e solucionar o problema que xeran as roturas nas conducións. A conselleira explicou que Augas de Galicia estudará o proxecto cando sexa remitido polo Concello.

Cómpre indicar que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á s súa veciñanza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/07/2024