O Gaiás amplía as visitas comentadas ante a elevada demanda no inicio da exposición ‘Unha vida viquinga’ e nos ultimos días de ‘Tesouros reais’ en España

O Museo Centro Gaiás contará así con seis quendas diarias de visita guiada polo seu servizo educativo -tres a cada unha das exposicións- que terán lugar de martes a domingo ás 11,00, 12,00 e 17,00 horas

‘Unha vida viquinga’ pode visitarse desde o pasado venres 12 de xullo, cando esgotou en poucas horas as prazas dispoñibles para este tipo de visitas nos primeiros días da mostra

O domingo 4 de agosto pecha as súas portas a exposición ‘Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum, que despide a súa única cita en España

Trátase de dúas das propostas do ‘CulturON’, a campaña de verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2024

A Cidade da Cultura vén de ampliar a oferta de visitas comentadas a dous dos grandes proxectos expositivos da Xunta de Galicia deste ano, Unha vida viquinga e Tesouros reais, ante a elevada demanda de público interesado en participar nestes percorridos guiados polo equipo de Educación do Museo Centro Gaiás.

Así, coincidindo coas primeiras semanas de apertura de Unha vida viquinga e as últimas de Tesouros reais —que o vindeiro domingo 4 de agosto finaliza a súa estancia na Cidade da Cultura—, vén de abrirse unha nova quenda de visita guiada, ás 11,00 horas, que se suma ás das 12,00 e 17,00 horas, que actualmente teñen as prazas esgotadas a ambas exposicións. Deste xeito cóntase cun total de seis visitas guiadas diarias, de martes a domingo, para que o público poida afondar nas exposicións —que tamén poden visitarse por libre, con entrada de balde—.

A mostra internacional Unha vida viquinga inaugurouse o pasado venres 12 de xullo, esgotando en poucas horas as prazas dispoñibles para as visitas comentadas nos seus primeiros días de apertura. Trátase dun proxecto que espertou grande interese por parte do público e que cuestiona grandes clixés da cultura popular sobre a Era Viquinga, amosando en Galicia pezas históricas e arqueolóxicas de museos nacionais de Suecia, Dinamarca e Francia nunca antes exhibidas en España.

O relato da exposición artéllase ao redor do que poderían ser os períodos vitais dunha persoa durante a época viquinga e trata tamén as diferentes campañas de exploración, incursións e relacións comerciais que se estableceron en diferentes puntos de Europa, entre os que se inclúe o noroeste peninsular. Pode visitarse no Museo Centro Gaiás, con entrada de balde, ata o vindeiro 5 de xaneiro de 2025.

‘Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum’

O vindeiro 4 de agosto a Cidade da Cultura despide ademais outro dos grandes proxectos expositivos internacionais deste ano: Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum. Organizada pola Xunta de Galicia, en colaboración co Terra Sancta Museum de Xerusalén, a Custodia de Terra Santa e o Museu Calouste Gulbenkian de Lisboa, a mostra achegou a Santiago de Compostela, por vez primeira e como única cita en España, un dos grandes tesouros históricos e artísticos do mundo, composto por ofrendas das grandes casas reais europeas a Terra Santa ao longo de medio milenio.

A mostra, que só percorrerá catro cidades do mundo antes de volver a Xerusalén (Lisboa, Santiago de Compostela, e dúas citas máis en Europa e nos Estados Unidos, respectivamente), abriu as súas portas ao público o pasado 22 de marzo e desde entón colleita xa máis de 30.000 visitas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/07/2024