O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as persoas e entidades distinguidas con este recoñecemento honorífico

A Xunta concede as medallas Emilia Pardo Bazán aos tres institutos de investigación sanitaria de Galicia, á Asociación Acadar e a Rosa Celia Otero Graña

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, o de Investigación Biomédica da Coruña (INBIC) e o de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IINGS) son exemplos da incorporación das mulleres ao mundo da ciencia

A entidade Acadar distínguese polo seu traballo en prol do benestar das mulleres con discapacidade

Rosa Celia Otero Graña, presidenta da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña, atesoura unha longa traxectoria en defensa dos dereitos das mulleres e do recoñecemento do papel das amas de casa

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024

A Xunta concede as Medallas Emilia Pardo Bazán en recoñecemento das súas accións en prol da igualdade entre mulleres e homes aos tres institutos de investigación sanitaria de Galicia, á Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar) e a Rosa Celia Otero Graña. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a resolución destes galardóns de carácter honorífico.

O xurado distingue ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, ao Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INBIC) e ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IINGS) por seren exemplos da incorporación das mulleres ao mundo da ciencia, xa que os tres están dirixidos por mulleres o que converte a Galicia en referente neste sentido: só 10 dos 32 institutos deste ámbito que están en funcionamento en España están dirixidos por mulleres. Así mesmo, destácase que constitúen un exemplo da incorporación da perspectiva de xénero na investigación sanitaria.

Pola súa parte, o recoñecemento a Acadar responde ao seu traballo por todas as mulleres con discapacidade, pola defensa dos seus dereitos e pola mellora, en xeral, das súas vidas e benestar. Esta entidade sen ánimo de lucro constituíuse no ano 2009 por un grupo de mulleres que tiñan como obxectivos comúns conseguir a igualdade efectiva de oportunidades das mulleres galegas con discapacidade.

Por último, condecórase a Rosa Celia Otero Graña, presidenta da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña. Nada en Santiago de Compostela en outubro de 1940, ponse en valor o seu compromiso coa conquista de dereitos das mulleres, sobre todo as amas de casa. Ademais, participou activamente no Consello Galego das Mulleres.

Igualdade entre mulleres e homes

As Medallas Emilia Pardo Bazán foron creadas pola Xunta de Galicia no 2019 para o recoñecemento de accións relevantes desenvolvidas en prol da igualdade entre homes e mulleres. Concédense cada ano tres condecoracións de carácter honorífico e poden ser destinatarias persoas, colectivos, entidades ou institucións de carácter público e privado.

Os galardóns permiten realizar un recoñecemento público ás medidas desenvolvidas en Galicia en prol da igualdade efectiva, ao tempo que contribúen á sensibilización social, a dar máis visibilidade aos talentos e ás capacidades das mulleres e para que se recoñeza a traxectoria tanto vital como profesional de persoas e entidades comprometidas con erradicar a discriminación de xénero e coa construción dunha sociedade máis igualitaria.

Estes galardóns levan o nome de Emilia Pardo Bazán, muller precursora na defensa dos dereitos das mulleres e do feminismo, así como do acceso á educación das mulleres, ideas que trasladou á súa obra literaria.

Data de actualización: 19/07/2024