A Xunta financia con 550.000 euros oito proxectos de acción humanitaria no exterior

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE vén de publicar a resolución coas axudas a seis organizacións non gobernamentais

Financiaranse proxectos en Honduras, República Dominicana, Palestina, Uganda, Mozambique e Ucraína

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2024

A Xunta destinará 550.000 euros a financiar oito proxectos de acción humanitaria no exterior, segundo a resolución que se vén de publicar no portal da Cooperación Galega.

As oito organizacións non gobernamentais beneficiarias desta convocatoria, realizada en réxime de concorrencia competitiva, e que recibirán as axudas son Solidariedade Internacional de Galicia, a Asociación Comité Español da UNRWA, Médicos do Mundo, Asemblea de Cooperación pola Paz, Entreculturas Fé e Alegría, Ayuda en Acción, Rescate Internacional e Tierra de Hombres.

Os proxectos beneficiados desenvolveranse en Honduras, República Dominicana, Palestina, Uganda, Mozambique e Ucraína. Entre outras, desenvolveranse accións para brindar protección ás persoas migrantes e refuxiadas, para garantir o dereito á saúde da poboación palestina, para paliar os efectos do conflito en cabo Delgado, Mozambique, e para mellorar a educación de nenos e nenas en Ucraína.

Enténdense por proxectos de acción humanitaria aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises, así como a previr e reforzar a capacidade de resposta cando se produzan estas situacións.

A presentación e aprobación destas propostas enmárcanse nun contexto internacional de conflitos e de desprazamentos de poboacións en varias rexións do mundo, o que influíu nas características dos proxectos avaliados presentados e aprobados este ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2024