O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou o Balneario de Carballo

Comezan as estadías do programa da Xunta Benestar en Balnearios

Máis de 1.230 persoas pasarán 10 días nun dos 15 establecementos termais adheridos a esta iniciativa de envellecemento activo

Este ano adiantouse o calendario de inicio para aquelas persoas que prefiran desfrutar desta experiencia durante o verán

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou hoxe o Balneario de Carballo, onde esta semana comezan as primeiras quendas do programa Benestar en Balnearios. É un dos 15 establecementos termais adheridos a esta iniciativa de envellecemento activo da Xunta de Galicia. Como novidade, este ano ofértanse estadías xa dende o mes de xullo, para que as persoas que así o prefiran poidan desfrutar desta experiencia durante o verán.

En total, ata finais de decembro, máis de 1.230 persoas poderán pasar 10 días nun balneario en réxime de pensión completa, con prezos que van dende os 270€ por persoa grazas aos descontos de ata o 45% financiados polo Goberno galego. Poden beneficiarse destas tarifas os maiores de 60 anos –ou os de 55, se teñen a condición de pensionista– e un acompañante.

O director xeral destacou que o Goberno galego inviste 300.000 euros neste programa, un 9% máis que na edición anterior. O obxectivo, engadiu, é promover os beneficios da terapia termal como parte da aposta da Xunta polo envellecemento activo. Unha aposta que se completa, entre outras medidas, co Carné+65, con descontos en viaxes e outras vantaxes, ou coas aulas sénior e os convenios coas tres universidades.

Data de actualización: 18/07/2024