A Xunta confía en captar novos investimentos europeos para que o CESGA reforce o liderado de Galicia na investigación cuántica

O conselleiro de Ciencia preside o pleno da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, que acorda a elaboración dun mapa de capacidades das tecnoloxías cuánticas en Galicia 

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2024

A Xunta confía en captar novos  investimentos europeos para o CESGA e reforzar así o liderado de Galicia na investigación cuántica. Así o expuxo o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, esta mañá durante o pleno da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas. 

Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, sinalou que estas tecnoloxías son “unha prioridade para Galicia, dado que a súa aplicación permitirá descubrir novos medicamentos, deseñar novos materiais, optimizar os procesos de produción ou mellorar a eficiencia enerxética, entre outros usos”. O titular de Ciencia convidou a todos os membros da rede a seguir colaborando para aproveitar as grandes capacidades de Galicia neste ámbito e  xerar sinerxias.

De feito, Galicia é “un territorio pioneiro en materia cuántica” -apuntou Román Rodríguez- que conta con infraestruturas de gran relevancia como o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) ou o Vigo Quantum Communication Center, dependente da Universidade de Vigo, e un tecido empresarial “que entendeu o potencial innovador e transversal desta tecnoloxía para o seu crecemento”.

O conselleiro agradeceu o compromiso de todos os membros da rede -universidades, centros tecnolóxicos e de investigación, sector empresarial e Administración- “para avanzar na xeración de oportunidades para a investigación e o traballo en tecnoloxías cuánticas”, que sitúe a Galicia como referente nestas tecnoloxías para atraer talento, investimento e oportunidades para a nosa industria.

Novos membros da rede

Na xuntanza desta mañá deuse a benvida a dous novos membros da rede, os centros tecnolóxicos Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), sumando actualmente 15 membros. Asemade, constituíronse dous comités executivos coa misión de acadar obxectivos concretos e desenvolver accións estratéxicas a medio e longo prazo, centrados en hardware e software cuántico (liderado polo centro tecnolóxico Gradiant) e nas aplicacións das tecnoloxías cuánticas (liderado polo hub de innovación dixital DIHGIGAL) e informouse das próximas actuacións. Entre elas, destaca a elaboración dun mapa de capacidades e da cadea de valor das tecnoloxías cuánticas en Galicia.  

A creación desta rede inscríbese no impulso da nosa Comunidade ás tecnoloxías cuánticas a través do lanzamento do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia no ano 2022 coa misión de converter a Galicia nun referente europeo destas tecnoloxías no horizonte do ano 2030. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2024