Galicia lidera a excelencia sanitaria tras ser recoñecida con oito galardóns nos Premios Best in Class

A Consellería de Sanidade foi recoñecida pola súa traxectoria na categoría de Calidade na Atención do Paciente

Os complexos hospitalarios da Coruña, de Santiago de Compostela e de Pontevedra acapararon os galardóns que recibiu a Sanidade galega nesta edición dos galardóns

Os premios Best in Class recoñecen publicamente os mellores centros sanitarios, servizos e unidades asistenciais do territorio nacional, tanto públicos como privados, na procura da excelencia na atención que prestan aos seus pacientes

Pontevedra, 18 de xullo de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou este mediodía na entrega dos Premios Best in Class, uns galardóns que recoñecen, con 8 galardóns concedidos, a calidade dos servizos, as unidades e os centros sanitarios públicos cos que conta a sanidade galega.

O acto celebrouse no Hospital Público de Montecelo, en Pontevedra, e contou coa participación, entre outros, do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva, e do xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores.

Durante a súa intervención, o conselleiro Gómez Caamaño destacou o traballo e dedicación dos profesionais que desempeñan o seu labor no Servizo Galego de Saúde xa que a súa “eficiencia e excelencia clínica” confirman que “estamos nas mellores mans”.

Promovidos pola publicación Gaceta Médica e a Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rey Juan Carlos, os Premios Best in Class teñen como obxectivo recoñecer publicamente os mellores centros nacionais de atención primaria e hospitalaria, así como os seus servizos e unidades, na procura da excelencia sanitaria.

“Isto non é froito da casualidade, é o resultado dun traballo constante por acadar os mellores niveis de benestar”, salientou Gómez Caamaño.

No acto de entrega de premios, o conselleiro recolleu o galardón outorgado á Consellería de Sanidade pola súa traxectoria na categoría de Calidade na Atención do Paciente.

Ademais, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela foi recoñecido con tres premios. O xefe do servizo de Pediatría, Federico Martinón recolleu o premio ao Mellor servizo de enfermidades infecciosas; o doutor Alfonso Varela recibiu o galardón ao Mellor servizo de cardioloxía; e o xefe do Servizo de Anestesioloxía e Reanimación, Julián Álvarez Escudero, recolleu a mención de honra ao Mellor servizo de Medicina intensiva/UCI.

Pola súa banda, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra foi recoñecido como o Mellor hospital de Complexidade Alta e o centro de saúde de Bueu como o mellor Centro de Atención Primaria: Organización Integrada. Estes dous premios foron recollidos polo xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, en compaña de diversos membros do seu equipo directivo e de persoal sanitario desta área.

Por último, a Unidade da Dor do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, foi galardoada como o mellor servizo nacional nesta categoría. Recolleu o premio a súa coordinadora, Aurora de la Iglesia López. E o servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do CHUAC tamén foi distinguido nestes Best in Class, recollendo o premio a xefa deste servizo, Belén López Viñas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2024