A Xunta aborda coas federacións de transportes de viaxeiros as demandas do sector no desenvolvemento do Plan de Transporte Público de Galicia

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, recibiu representantes de Anetra-Galicia, Fegabus, Fegatravi e Transgacar

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2024

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, recibiu hoxe a representantes das principais federacións de transportes de viaxeiros por estrada. En concreto, con responsables da Asociación Nacional de Empresarios de Autocares (Anetra-Galicia), a Federación Galega de Servizos de Transporte de Autobús (Fegabus), a Federación Galega de Transportes de Viaxeiros (Fegatravi)  e a Federación Galega de Asociacións de Viaxeiros en Autocar (Transgacar). 

Tras unha primeira toma de contacto o pasado 17 de xuño nunha reunión na que estivo presente tamén o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o encontro de hoxe foi de carácter máis técnico para avaliar as demandas do sector no desenvolvemento do Plan de Transporte Público de Galicia. 

A Xunta -lembrou a directora xeral- destina uns 140 millóns de euros anuais ao impulso desta ferramenta de planificación e seguimento con medidas relacionadas coa renovación e modernización do transporte público xestionado polo Goberno galego, así como o incremento dos recursos e a ampliación das zonas atendidas. Así, o autobús regular chega cada vez a máis zonas onde non o había, cun uso eficiente dos recursos, grazas tamén as modalidades de transporte integrado e baixo demanda.

Judit Fontela incidiu na importancia de manter un diálogo continuado e fluído coas asociacións de transportistas para coñecer a situación do sector e as súas demandas co obxectivo de ofrecer á cidadanía un transporte público de Galicia de calidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2024