Valentín García destaca a oportunidade que supón para o galego ter presenza no fenómeno Xacobeo

O secretario xeral da Lingua participa na entrega do Premio de Ensaio Camiño de Santiago, convocado pola Academia Xacobea en colaboración coa Xunta de Galicia, e que vai pola súa segunda edición  

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou a “oportunidade que supón para o galego ter presenza no fenómeno Xacobeo, promovendo accións para que contemos con obras divulgativas inspiradas nas Rutas”. Así o indicou esta mañá na entrega do II Premio de Ensaio Camiño de Santiago, que convoca a Academia Xacobea coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e que foi recibido por Laura Méndez Vergel pola obra O Camiño de Santiago: guía de guías.

Neste senso, Valentín García enxalzou a iniciativa da entidade, que lembrou, tamén impulsa outros dous certames, de narrativa e de poesía, relacionados coas rutas de peregrinación a Compostela. Así, subliñou o feito de “impulsar unha realidade tan importante para Galicia desde a perspectiva do intercambio cultural e do diálogo a través dos distintos xéneros literarios”.

Laura Méndez Vergel

A premiada, Laura Méndez Vergel, é graduada en Historia da Arte pola Universidade de Salamanca e cursou o Máster en Estudos Medievais Europeos na Universidade de Santiago de Compostela no 2019. Ademais, realizou estancias internacionais na Universidade de La Sorbona (París) e na de Toulouse-Jean Jaurés, formándose tamén no Museo da Fundación Catedral de Santiago y no Museo das Peregrinacións.

Segundo a autora, a obra premiada neste certame, que será publicada pola Editorial Galaxia, está baseada en catro conceptos: o individuo, as motivacións do Camiño, o Camiño en si e a creación, entendendo este fenómeno como un eixo para estudar outros tempos e ideas. 

O autor galardoado na primeira edición do Premio de Ensaio Camiño de Santiago foi o compostelán Jesús Curros Neira por Escenas, imaxes e sons do Camiño, unha obra na que realizou un repaso ao fenómeno xacobeo como fonte de inspiración de diferentes manifestacións artísticas ao longo da historia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2024