A Xunta contribúe a diversificar a oferta musical deste verán en Ferrol co Festival de concertos Marola

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, presentou esta mañá no Concello de Ferrol esta nova cita musical que terá lugar os días 28 e 27 de xullo nos Xardíns de Herrera

Trátase dun festival de pequeno formato que contará coas actuacións das bandas TT Syndicate e Faneka

Ferrol, 18 de xullo de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presentou esta mañá xunto ao alcalde de Ferrol a primeira edición do Festival Marola, unha nova iniciativa musical que terá lugar os días 27 e 28 nos Xardíns de Herrera e coa “o Goberno galego vén a diversificar a oferta musical da temporada estival en Ferrolterra”.

Tal e como explicou Aneiros, trátase dun festival de pequeno formato pensado para dar a coñecer a artistas emerxentes en espazos de interese patrimonial vencellados ao Camiño de Santiago, “especificamente nesta primeira edición ao noso Camiño Inglés”. De aí a súa localización nos Xardíns de Herrera, “un miradoiro sobre o Arsenal e a ría de Ferrol que constitúen un escenario único e privilexiado”, destacou.

Esta cita musical, de carácter gratuíto, traerá á cidade o sábado 27 á banda lusa TT Syndicate e o seu repertorio no que mesturan soul, rock&roll e rhythm&blues. O domingo 28 será a quenda do folk progresivo de Faneka, un grupo con estilo propio que ofrecerá sobre o escenario “unha viaxe musical chea de emocións e matices”, explicou Aneiros. Ambas actuacións terán lugar a partir das 13.30 horas.

“Ferrol ten moito que ofrecer e eventos coma este son unha ocasión perfecta para amosar as nosas potencialidades, con propostas afastadas das actividades de grandes aforos, amables co entorno natural e o noso patrimonio e que fomentan a ocupación de espazos emblemáticos que explican a cidade e completan a experiencia do Camiño”, explicou a delegada territorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2024