O Vicedo acollerá os días 26 e 27 de xullo a VII Romaxe Viquinga, presentada hoxe na Delegación da Xunta

Lugo, 18 de xullo de 2024

O Vicedo acollerá o venres 26 e o sábado 27 de xullo a sétima edición da Romaxe Viquinga, que foi presentada hoxe na Delegación Territorial da Xunta en Lugo. Participaron o delegado territorial, Javier Arias; o alcalde do Vicedo, Jesús Novo; os membros da compañía Queiman e Pousa, encargados dalgúns espectáculos e actuacións; e integrantes doutras institucións colaboradoras.

En canto ás actividades previstas, este ano comezarán o xoves 25 cunha ruta guiada pola zona dos Moutillós para explicar a orixe da celebración. O pregón a cargo do actor Alfonso Agra será o venres ás 20,30 horas no exterior da Casa da Cultura. 

A xornada grande terá lugar o sábado 27 na praia de San Román. A partir das 11,00 horas abrirán os campamentos viquingos e cristiáns e comezarán os obradoiros. Ao longo do día sucederanse os espectáculos de recreación e desfiles, talleres, xogos, actuacións musicais, contacontos e outras iniciativas, como unha exposición de armamento viquingo. Entre as actividades máis destacadas figura o desembarco viquingo (12,30 horas), seguido da batalla entre tropas viquingas e cristiás; as vodas (18,15) e o enterramento viquingo (22,30 h).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2024