A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse coa alcaldesa da localidade

A Xunta e o concello de Bande avalían actuacións para mellorar distintas instalacións de saneamento de augas no municipio

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, mantiveron hoxe un encontro no que abordaron posibles vías de colaboración para mellorar distintas instalacións de saneamento de augas existentes no municipio.

Entre outras, analizaron o proxecto para mellorar a eficiencia enerxética da instalación fotovoltaica que ten a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Bande así como a realización de melloras nos sistemas de depuración de Lebosandaus e Porto Quintela, no espazo natural Aquis Querquennis, onde se realizan diferentes actividades recreativas e didácticas relacionadas cos valores ambientais da zona.

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático e a rexedora tamén abordaron o proxecto municipal para realizar melloras na fosa séptica da Granxa, actuacións que as partes esperan poder executar o antes posible.

Na mesma liña, tamén avaliaron posibles traballos noutras fosas sépticas do concello que requiren de melloras de acordo coa auditoría de saneamento realizada polo Goberno local en 2023 e que contou cunha axuda de Augas de Galicia.

A conselleira trasladoulle á alcaldesa que o Executivo autonómico continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2024