A Xunta inicia os traballos para modificar o decreto de ensinanzas universitarias co fin de afianzar unha oferta innovadora e adaptada á demanda social

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, reuniuse cos vicerreitores de Titulacións das tres universidades públicas galegas na primeira sesión de traballo ao respecto

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, mantivo hoxe unha reunión cos vicerreitores de Titulacións das tres universidades públicas galegas para iniciar os traballos de modificación do Decreto que regula as ensinanzas universitarias oficiais en Galicia, que data de 2011, co fin de adaptalo ao actual contexto nesta materia. 

Con esta primeira xuntanza de traballo, o Goberno galego dá cumprimento ao acordo parlamentario onde se instaba á Xunta a revisar o mencionado decreto 222/2011. Así pois, a través deste grupo de traballo entre a Consellería de Educación e as tres universidades públicas galegas vaise implementar a actualización desta normativa co obxectivo de seguir impulsando unha oferta formativa universitaria innovadora, adaptada á demanda social e ao contexto nacional e internacional, así como ao marco xurídico actual. 

Por parte das universidades participaron na xuntanza os vicerreitores de Titulacións María José López pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), Moisés Canle pola Universidade da Coruña (UDC) e Alfonso Lago pola Universidade de Vigo (UVigo).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2024