O conselleiro do Mar e o alcalde da localidade mantiveron un encontro de traballo

Alfonso Villares destaca o esforzo inversor da consellería do Mar en Malpica, onde se levan investidos dende 2009 preto de 9 millóns de euros

O responsable autonómico adianta que os estudos para a mellora do peirao están a piques de rematarse; o que suporá dar solución ao problema que ocasionan as elevadas correntes na comporta interior 

Malpica (A Coruña), 18 de xullo de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destaca o esforzo inversor da Consellería do Mar en Malpica, onde se levan investidos dende 2009 preto de 9 millóns de euros. Así o abordou co alcalde desta localidade, Eduardo Parga Veiga, nunha reunión de traballo, na que repasaron as actuacións executadas, a través de Portos de Galicia, e analizaron novas colaboracións, co fin de seguir impulsando a actividade pesqueira da zona.

Tal é así que unha das actuacións máis significativas e que foron postas enriba da mesa por ambos os dous dirixente foron os estudos que se están a realizar para a mellora do peirao, e que permitirán dar solución a un dos problemas que existen cada vez que se producen elevadas correntes, afectando notablemente á comporta interior do porto. 

A Confraría de Malpica plantexou en setembro aos técnicos de Portos de Galicia esta situación que está a requirir novos traballos de campo, como é a monitorización de certas zonas da dársena para toma de datos sobra a axitación e o efecto das correntes. Trátase dun labor que está a piques de rematar e, unha vez analizada, exporanse as conclusións. O investimento desta actuación ascende a 3 millóns de euros e súmase a outras previstas como é a instalación dunha báscula no exterior da lonxa para que os cerqueiros que descarguen de noite poidan pesar sen que os teña que atender o persoas ou a construción de novos departamentos para exportadores. Esta última iniciativa, cuxo proxecto está en redacción, dispón dun orzamento de 400.000 euros.

Con anterioridade, e grazas á colaboración da administración autonómica, tamén se procedeu á renovación de defensas e medios de amarre ou ao reforzo da estrutura da ponte de acceso á zona portuaria.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 18/07/2024