A conselleira M. Allegue visita Betanzos, onde se rehabilitarán ata 40 vivendas ao abeiro do programa Barrios

Betanzos (A Coruña), 18 de xullo de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañou hoxe á ministra de Vivienda y Agenda Urbana, Isabel Rodríguez, na visita desta mañá ao Concello de Betanzos para supervisar actuacións realizadas ao amparo da Área de Rehabilitación (ARI).

A conselleira lembrou que para este ámbito do ARI a Xunta asignou no 2023 un orzamento de 700.000€ do programa Barrios que deberá executar o Concello. Este orzamento está financiado exclusivamente con fondos europeos, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Para a súa execución, asinouse un convenio pola Xunta de Galicia, o Ministerio e o Concello e no marco deste programa está prevista a rehabilitación de 40 vivendas.

M. Allegue salientou ademais as actuacións que a Administración autonómica está a desenvolver en Betanzos. Así, no marco do programa Rexurbe en Betanzos, a Xunta adquiriu 17 inmobles para desenvolver 22 vivendas, dos que xa están rehabilitados 10 (con 15 vivendas) e en obras están outros 5 inmobles (5 vivendas). Todas son vivendas públicas que se adxudican en réxime de alugueiro, “que conseguen recuperar o conxunto histórico e facilitar o acceso á vivenda a quen máis o necesita”.

Así mesmo, quixo destacar “a colaboración entre as distintas administracións, neste caso do Ministerio e as administracións autonómica e local, necesaria para ese obxectivo común que temos, que é  facilitar a todos os cidadáns o acceso á vivenda digna, de calidade e accesible”.

Por outra banda, apuntou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo está a rehabilitar dous inmobles no conxunto histórico, no marco del programa Rexurbe, que contan con financiamento con fondos MRR da Unión Europea.

A conselleira aproveitou o encontro da ministra para solicitar unha nova reunión na que abordar cuestións que ambas administracións teñen enriba da mesa, en especial a dotación de máis fondos, como os destinados ao Bono do Alugueiro da Mocidade e ás liñas de axudas para actuacións de mellora de eficiencia enerxética, para as que xa se recibiron 2.000 solicitudes en apenas uns días.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2024