A Xunta investirá máis de 400.000 € en obras de mellora en tres centros educativos en Noia durante este verán

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, pecha co alcalde da localidade a planificación dos traballos, a meirande parte dos cales se van a iniciar de inmediato

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, vén de pechar co alcalde de Noia, Santiago Freire, un conxunto de actuacións de mellora en tres centros educativos da localidade, por un importe que superará os 400.000 euros, tal e como abordaron nunha reunión de traballo esta mañá na que tamén participou o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila. 

Segundo a planificación acordada, a meirande parte das obras vanse realizar xa de xeito inmediato e atinxen ao Colexio CEIP Plurilingüe Alexandre Rodríguez Cadarso e aos institutos IES Virxe do Mar e Campo de San Alberto. 

No caso do Colexio Rodríguez Cadarso, a Xunta vai iniciar en breve a reforma da cuberta do patio de Infantil por un importe de 30.000 euros, a renovación da instalación eléctrica (24.000 euros) e da rede de pluviais (5.000 euros). A maiores, neste centro tamén se planificou a substitución das ventás, unha obra que se levará a cabo máis adiante. 

No Instituto IES Virxe do Mar este verán vaise proceder ao revestimento da fachada, que absorbe un orzamento de 42.600 euros, e á adecuación de novos espazos aproveitando a casa do conserxe, con 6.000 euros de investimento. 

Finalmente, no Instituto IES Campo de San Alberto, nestes momentos a Consellería está redactando o proxecto para a renovación da cuberta, cun orzamento estimado de 300.000 euros. A isto súmase a obra recen feita de dotación de sistemas fotovoltaicos por un importe de 25.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2024