O presidente participou nun acto organizado pola Mesa do Turismo de España

Rueda adianta que a Xunta busca reforzar a cooperación público-privada de cara o Xacobeo 2027

Lembra que o Goberno galego impulsou que o Consello Xacobeo aprobase a ampliación dos beneficios fiscais para as empresas que apoien a celebración do Ano Santo

Reivindica que o modelo turístico galego é sostible e sen masificacións, e cada vez máis desestacionalizado

Madrid, 18 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, adiantou hoxe que o Goberno galego ten como obxectivo reforzar e potenciar a cooperación público-privada de cara a celebración do Xacobeo 2027, no que xa se está traballando.

Así o sinalou ante profesionais e empresas do sector, nun acto organizado pola Mesa do Turismo de España e no que presentou o modelo turístico galego e as súas perspectivas de futuro.

En canto á celebración do próximo Ano Santo, Rueda lembrou que a Xunta impulsou que o Consello Xacobeo -un órgano de cooperación entre o Goberno central e as autonomías- aprobase unha ampliación dos beneficios fiscais para as empresas que apoien o próximo Xacobeo, un compromiso que, segundo demandou, agora debe ser recollido nos Orzamentos Xerais do Estado. Así, en virtude deste acordo, estas compañías gozarán de excepcións fiscais desde o 1 de xaneiro de 2025 ata o 31 de decembro de 2027 para desenvolver aqueles proxectos vinculados a este evento.

Lembrou que no Xacobeo 21-22 foron un total de 40 as firmas que apoiaron esta celebración e fixou como obxectivo para o próximo Ano Santo, que se prevé de récord, conseguir unha colaboración privada aínda maior.

Cifras turísticas

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta destacou as boas cifras turísticas que está rexistrando Galicia, logo dun 2023 no que se bateron todos os récords con 7 millóns de viaxeiros, e cunha desestacionalización cada vez maior. A tendencia positiva continúa nestes primeiros meses do ano.

Ademais, defendeu o modelo de calidade e sen masificacións do turismo galego. Puxo en valor que a sostibilidade é un dos sinais de identidade do sector en Galicia, e indicou que xa están tomando medidas para garantila, coa instalación de nodos para estudar a afluencia nos Camiños de Santiago; coa licitación do Observatorio de Sostibilidade Turística; ou coa regulación dos fluxos de afluencia en lugares sensibles como a praia das Catedrais, o Parque Nacional das Illas Atlánticas ou a Catedral de Santiago.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2024