A Xunta apoia ao transporte de mercadorías a través de axudas á modernización da frota e á formación dos profesionais do sector

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recibiu hoxe a representantes da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estradas de Galicia (Apetamcor) e da Federación Galega de Transporte de Mercadorías (Fegatramer)

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recibiu hoxe xunto á directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, á presidenta da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor), Myriam Otero, e ao presidente da Federación Galega de Transporte de Mercadorías (Fegatramer), Ramón Alonso, ademais doutros integrantes destas entidades, en senllos encontros de traballo para avaliar as necesidades do sector.

En ambas reunións, o conselleiro trasladou o apoio da Xunta ao transporte de mercadorías a través das distintas liñas de axudas.

De feito, a semana pasada o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución de 167 axudas para a modernización e dixitalización das frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas de servizos de transporte por estrada, cun orzamento de 741.600 euros. Trátase das subvencións concedidas do 1 de marzo ao 30 de xuño deste ano, no marco da convocatoria lanzada en abril do 2023 e dirixida a autónomos e pequenas e medianas empresas (pemes) do sector, dotada con máis de 6,2 millóns de euros e co obxectivo de incrementar a eficiencia destas empresas e do sistema de transporte por estrada, mediante a dixitalización, a sustentabilidade, a conectividade, a renovación dos sistemas e a introdución de novas tecnoloxías no sector.

Tamén se veñen de publicar as axudas concedidas pola Xunta para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada no segundo trimestre de 2024, que suman 70 subvencións por máis de 1,6 millóns de euros. Neste caso, o obxecto das achegas é  transformar as frotas favorecendo a descarbonización e a aposta por tecnoloxías verdes. A medida contou cun crédito inicial de 12,8 millóns de euros, que, ante a boa acollida da iniciativa, foi incrementado en diferentes ocasións ata sumar preto de 30 millóns.

O apoio da Administración autonómica ao sector inclúe ademais a colaboración na formación dos seus profesionais e este ano o investimento acada os 500.000 euros nas subvencións anuais dirixidas á realización de actividade formativas para o colectivo do transporte en Galicia ofertadas por entidades colaboradas da Administración autonómica e integradas no Comité Galego de Transportes por Estrada.

Por outra parte, Diego Calvo informou aos representantes de Apetamcor e Fegatramer que, entre as medidas postas en marcha polo Goberno galego dirixidas a este sector destaca o plan estratéxico para o desenvolvemento dunha rede galega de aparcadoiros seguros para o transporte de mercadorías co obxectivo de acadar 1.500 prazas.

A Xunta, con esta actuación, busca mellorar os servizos aos transportistas na comunidade, sempre en coordinación con entidades públicas ou privadas, asociacións e administracións que compartan o mesmo obxectivo.

As xuntanzas de hoxe enmárcanse no diálogo permanente entre a Dirección Xeral de Mobilidade cun sector fundamental para o emprego e o crecemento económico como é o transporte de mercadorías. Por iso a Xunta, consciente da importancia e do valor social do transporte de mercadorías, segue traballando para intentar que poidan desenvolver ese labor nas mellores condicións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2024