O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta un informe sobre o impacto social e económico destes equipamentos

A Xunta estima un retorno de 3,85€ por cada euro investido na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

López Campos destaca que o estudo realizado “demostra o valor e a rendibilidade deste servizo que non ten ningún custo para as persoas usuarias”

Ademais, a análise sitúa a media de satisfacción da cidadanía en 8,7 puntos sobre 10, amosando un impacto positivo

Outro dos datos destacados indica que os galegos estiman que aforran 17,89€ ao mes grazas á implicación da Administración autonómica

A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia atendeu no 2022 a máis de 800.000 usuarios e puxo a disposición da cidadanía máis de 7M de documentos

O seguinte paso será poñer en marcha nos vindeiros meses unha ferramenta que lle permita ao público calcular o valor dos servizos que reciben

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2024

A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia xera un impacto positivo na cidadanía, tanto en termos sociais como económicos. Así, cada euro investido neste servizo implica un retorno na sociedade de 3,85€. Son as conclusións dun estudo presentado hoxe polo conselleiro de Cultura, Lingua e  Xuventude, José López Campos, que, segundo explicou, “sitúa a media de satisfacción da poboación en 8,7 puntos sobre 10 con respecto a estes equipamentos”.

Neste senso o titular de Cultura da Xunta destacou que o informe “demostra o valor e a rendibilidade deste servizo que non ten ningún custo para as persoas usuarias”. Así, engadiu, “estas conclusións tamén queren poñer en valor a importancia de toda a actividade que aglutinan estes centros de carácter público e o que suporía para a poboación se foran de xestión privada, avaliando o seu grao de consideración sobre os mesmos”.

Deste xeito, é a primeira vez que desde o Goberno Galego se realiza unha análise destas características para coñecer e mostrar a repercusión e percepción das prestacións das bibliotecas públicas, seguindo unha metodoloxía utilizada noutras comunidades autónomas.

O dato do retorno do investimento baséase na técnica de asignación de prezos de mercado, determinando así o valor dos servizos comparándoos con outros análogos xa existentes polos que si se paga.

Así, tivéronse en conta os servizos cuantificables susceptibles de ser traducidos en prezos, como son o préstamo de libros e outros materiais, o uso da sala de lectura, o valor do asesoramento bibliográfico por parte do persoal, a realización de actividades culturais e formativas e a utilización dos equipos informáticos.

Neste cálculo destaca, por exemplo, que por cada euro destinado á adquisición e mantemento do material de préstamo (libros, contido audiovisual, etc.), a cidadanía recibe un retorno social de 9,63€. Asimesmo, a sociedade recibe un retorno de 2,75€ se atendemos ás asignacións para a realización de actividades.

A investigación

A análise demostra que a rede pública de bibliotecas ten unha gran rendibilidade para a sociedade, e conclúe que a cidadanía está de acordo en que estas entidades lle achegan múltiples beneficios, valorando a súa importancia no acceso á información e ao coñecemento. O seguinte paso para a Administración autonómica é poñer a disposición do público unha ferramenta web para que calquera poida calcular o custo que terían algúns dos servizos se foran xestionados de maneira privada e tiveran que pagar por eles.

Para chegar a estas conclusións, o estudo valeuse dos últimos datos estatísticos publicados en Galicia, do ano 2022, que foron apoiados por outros informes similares. A partir desta información leváronse a cabo dúas enquisas, unha para persoas usuarias e outra para non usuarias, co obxectivo de obter unha valoración do servizo sobre diversos indicadores. Ademais, para estimar o valor económico da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, utilizáronse dúas metodoloxías, a técnica de asignación de prezos de mercado e a valoración continxente.

Impacto social do servizo

Cómpre lembrar que na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia están integrados 302 centros en toda a Comunidade. Trátase de equipamentos tanto de xestión autonómica (8), como de titularidade municipal (292), aos que se engaden dous privados a disposición pública. Todos eles ofrecen servizos como salas de lectura, a expedición do carné de usuario, o préstamo de libros e outros materiais, a programación de numerosas actividades culturais ou iniciativas tecnolóxicas como GaliciaLe, a plataforma dixital de préstamo.

Neste contexto, segundo a técnica da valoración continxente (que extrae datos a partir da percepción do valor que teñen os consumidores dun ben  e a súa disposición a pagar por el) as persoas usuarias consideran que se o servizo o prestase unha empresa privada, custaríalles unha media de 17,89€ ao mes. Ademais, case a metade dos galegos cre todos deberían pagar unha cantidade anual para manter o servizo no caso de que non se financiase a través de impostos.

Máis de 800.000 persoas usuarias en 2022

Segundo os datos de 2022 manexados na análise, a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia conta con 809.229 persoas usuarias, das cales 38.394 corresponden con novas inscricións, contabilizándose 3.305.169 visitas (46,3 por día) e poñendo a disposición da cidadanía 7.135.378 documentos.

En canto ao uso dos servizos bibliotecarios, o número de prestameiros activos foi de 138.581 persoas, o que significa que a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia foi utilizada para o préstamo de documentos polo 5,2% da poboación galega. En total, facilitáronse 1.971.519 materiais, dos que case o 90% son libros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2024