A Xunta avanza na erradicación de calquera tipo de discriminación no eido laboral por razóns de sexo, xénero, identidade ou orientación sexual

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, reuníronse hoxe coas persoas representantes do grupo de traballo LGBTI

Abordaron os avances en diversidade laboral, como accións formativas, unha web con recursos de interese, un banco de boas prácticas nas empresas e material específico dentro dos protocolos contra a violencia e o acoso sexual no traballo

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, reuníronse hoxe coas persoas representantes do grupo de traballo LGBTI para abordar os avances acadados en materia de diversidade laboral. En concreto, tratáronse accións formativas e de sensibilización desenvolvidas nos últimos meses co gallo de garantir unha Galicia diversa no mercado do traballo, na que todas as persoas teñan garantidos os seus dereitos.

Así, no encontro deuse conta dunha formación sobre diversidade sexual impartida a organizacións sindicais e empresariais e para as propias asociacións do colectivo LGBTI, así como dun obradoiro dirixido a toda a cidadanía. Tamén se informou do programa formativo, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP), dirixido ao persoal das administracións públicas, para sensibilizar e concienciar arredor da realidade que viven estas persoas co obxecto de garantir que na atención á cidadanía se evite calquera tipo de discriminación.

A maiores, púxose de relevo a páxina web accesible a toda a cidadanía (https://diversidade.aigualdadelaboral.gal/) na que se están a divulgar recursos de interese para a promoción de ambientes laborais inclusivos coas persoas LGBTI e o banco de boas prácticas en materia de xestión da diversidade, que está a servir de referencia para as empresas que se queiran iniciar neste proceso.

Na xuntanza tamén se abordaron os espazos de diálogo que se están a fomentar entre asociacións empresariais, entidades, sindicatos e asociacións defensoras dos dereitos das persoas LGBTI para tratar de forma conxunta os retos do colectivo nos ámbitos laborais, así como material informativo concreto como o incluído dentro da guía para a protección integral fronte a condutas contra a liberdade sexual e a integridade moral nas pemes.

De cara ao futuro, marcáronse como retos aumentar precisamente o catálogo informativo de igualdade laboral para tratar a xestión da diversidade na empresa e crear unha canle de denuncias sobre discriminación e acoso LGBTI no eido laboral, entre outras actuacións.

Cómpre engadir que no encontro estiveron -de xeito telemático ou presencial- representantes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e das centrais sindicais CCOO e CIG, así como integrantes das entidades Nós Mesmas, ALAS A Coruña (Asociación pola liberdade afectiva e sexual), LES Coruña (Asociación para a igualdade e a visibilidade lésbica), Comité AntiSIDA da Coruña e Avante LGBT+.

Compromiso coa diversidade

Galicia é referente por contar cun marco legal propio que consolida o principio de igualdade entre o colectivo LGTBI. Tamén conta co Foro de Identidades e Disidencias Sexuais promovido en colaboración co Consello da Cultura Galega que pon o foco na educación en igualdade.

A Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia aprobada a finais do ano pasado acabou de blindar o compromiso de Galicia coa tolerancia cero ante calquera  discriminación por razón de sexo, xénero, orientación ou identidade sexual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2024