Xunta e universitarios séniors colaboran para formar a persoas maiores no uso da Banca dixital

O proxecto da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors, proporciona capacitación sobre os usos máis frecuentes da banca electrónica sobre todo nos ámbitos rurais

As sesións formativas desenvolveranse tanto de xeito presencial como online a través da colaboración de distintos centros, entre os que se atopa a rede CeMIT

Máis de 4.500 persoas poderán recibir formación grazas a esta iniciativa, que comezará en setembro

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2024

A Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia e a Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), renovan a súa colaboración para o desenvolvemento de actividades de capacitación dixital dirixidas a persoas maiores sobre algúns dos usos máis habituais e prácticos da Banca online. Esta actividade, que inclúe formación sobre o uso dos caixeiros automáticos ou a realización de pagos co móbil, enmárcase no proxecto de “Aliados Dixitais” do Plan DigiTalent 2030.

A iniciativa arrincou hoxe cunha sesión informativas online, dirixida aos dinamizadores das aulas da Rede CeMIT. A actividade formativa dirixida a persoas maiores comezará o 12 de setembro.

O obxectivo é o de reducir a fenda dixital e promover a autonomía persoal e de envellecemento activo entre as persoas maiores, así como asegurar que todas as persoas, independentemente do seu lugar de residencia, teñan acceso ás ferramentas e coñecementos necesarios para participar plenamente na sociedade dixital.

Dentro desta programación está prevista a realización de 5 actividades formativas online de 60 minutos de duración, así como sesións presenciais a través de rutas por zonas rurais das catro provincias galegas.

Ditas actividades serán emitidas en directo a través de Internet, co obxectivo de achegarse de forma específica e a través da tecnoloxía aos maiores das contornas rurais. Na iniciativa participan as entidades sociais e colaboradoras de FEGAUS, así como os Centros de capacitación dixital da cidadanía da rede CeMIT, as asociacións que integran a federación e outras asociacións de maiores de Galicia.

Os seminarios complementaranse con actividades adicionais e a accesibles, como a creación dun Podcast, arquivo de audio sobre os temas principais tratados nas sesións de inspiración, pequenos vídeos e experiencias de xogos para fomentar o desenvolvemento cognitivo das persoas participantes. Os contidos formativos preséntanse de xeito ameno e sinxelo e están orientados a que os asistentes poidan sacar o máximo partido.

CALENDARIO DAS SESIÓNS

ACTIVIDADE

LOCALIDADE

DATA

HORARIO

Compras online no teu día a día: supermercados e hostalería a un click

CEMIT Arzúa

xoves, 12 de setembro de 2024

10:30 a 11:30

Interactúa co teu banco mediante a Intelixencia Artificial

CEMIT A Estrada

martes, 24 de setembro de 2024

17:00 a 18:00

Coñece os teus dereitos como usuario na era da banca dixital

CEMIT Leiro

venres, 4 de outubro de 2024

10:30 a 11:30

Renting de coches e outros servizos que tamén che ofrece a túa banca online

CEMIT A Estrada

xoves, 10 de outubro de 2024

10:30 a 11:30

Como contratar seguros e pedir préstamos a través do teu teléfono

CEMIT Vigo

luns, 14 de outubro de 2024

12:00 a 13:00

 

Data de actualización: 18/07/2024