Lete destaca a Semana Internacional de Danza Urbana de Dance Academy como un dos eventos de baile deportivo máis importantes de España e Europa

Lembra que este ano o break dance será deporte olímpico en París, polo que estas actividades serán paralelas ao debut do baile deportivo no programa dos Xogos

Vigo, 17 de xullo de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da Semana Internacional de Danza Urbana 2024 da man da escola Dance Academy que terá lugar no Tinglado entre o 5 e o 10 de agosto e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia para converterse nun dos “eventos de baile deportivo máis importantes de España e de Europa” xa que contará coa participación de deportistas de distintas nacionalidades. Lete Lasa lembrou que este ano o break dance será deporte olímpico en París, polo que estas actividades serán paralelas ao debut do baile deportivo no programa dos Xogos.

Ademais, o mandatario galego destacou a versatilidade do evento que tamén contará con outras iniciativas como “actividades náuticas como a vela, o pádel surf ou o piragüismo, baloncesto, skate e ata unha viaxe ás Illas Cíes”. Lete Lasa fixo fincapé na importancia de que esta Semana Internacional conte cos mellores profesores internacionais que serán os encargados de impartir a formación, con especial atención ás actividades abertas a todo o público e gratuítas que terán lugar o venres 9 e o sábado 10 de agosto xa que “o deporte é universal, de todos e de todas”.

O secretario xeral para o Deporte subliñou a evolución do baile deportivo en Galicia dende que en 2021 recoñeceuse o break dance como especialidade deportiva e lanzouse a primeira edición da Liga Xunta de Galicia de Break. Hoxe, a liga xa transita pola súa cuarta edición e tamén contamos coa Liga Galega de Hip Hop organizadas, ambas as dúas, pola Xunta de Galicia coa colaboración da Federación Galega de Baile Deportivo, creada en 2023.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2024