Lete salienta a importancia do deporte para todos na visita ao Club Náutico Inclusivo Baixo Miño que recibiu unha cadeira anfibia grazas a unha subvención da Xunta

Lembra que nas próximas datas sairá a lista definitiva dos galegos e galegas que competirán nos Xogos Paralímpicos e sinala que, ao igual que no caso dos olímpicos, Galicia agarda acadar un novo récord de participación

Tui (Pontevedra), 17 de xullo de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de hoxe o Club Náutico Inclusivo Baixo Miño que recibiu unha cadeira de rodas anfibia mariña con cargo a orde de subvencións para a adquisición de equipamento deportivo adaptado de 2023. Alí, Lete Lasa, lembrou que nas próximas datas sairá a lista definitiva dos galegos e galegas que competirán nos Xogos Paralímpicos de París e sinalou que, ao igual que no caso dos olímpicos, Galicia agarda acadar un novo récord de participación. Neste sentido, o mandatario galego destacou a importancia dun  “deporte plural, diverso, sen xénero nin idade, para todos e para todas, enriquecedor da sociedade e transmisor de valores”.

A cadeira de rodas anfibia mariña é un elemento para actividades lúdico-deportivas que permite o acceso ao baño de persoas con mobilidade reducida. O Club Náutico Inclusivo Baixo Miño adquiriu este equipamento con cargo ás subvencións a clubs deportivos galegos con licenzas de deportistas con discapacidade, para a adquisición de equipamentos deportivos para deporte adaptado de 2023. Máis polo miúdo, a cadeira anfibia contou cun orzamento duns 5.000 euros (4.980 euros) dos que a Xunta de Galicia  sufragou o 80 % (3.984 euros). En total, grazas a esta liña de axudas, foron 46 os clubs beneficiarios que contaron cun crédito orzamentario de preto de 227.000 euros (226.754 euros).

Lete Lasa destacou a importancia destas axudas para o deporte inclusivo e adaptado que tantos éxitos está a acadar nos últimos anos e valorou o esforzo de clubs como o Náutico Inclusivo Baixo Miño que, grazas a esta axuda consegue a primeira cadeira anfibia na comarca. O mandatario galego sinalou o crecemento do deporte adaptado lembrando que, na última resolución do deporte galego de alto nivel, xa son 38 (27 homes e 11 mulleres) os deportistas con diversidade funcional recoñecidos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2024