A delegada territorial, Martina Aneiros, visitou esta tarde as instalacións da entidade deportiva

A Xunta colabora co Club de Remo de Ares na adquisición dun esquife adaptado

A entidade beneficiouse da liña de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para equipamento deportivo adaptado 

Aneiros coñeceu ademais a nova nave de embarcacións do club destinada a cubrir as necesidades de almacenamento 

Ares (A Coruña), 17 de xullo de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta tarde o Club de Remo de Ares, acompañada polo seu presidente Germán Sánchez, entre outros membros da directiva, que fixo de anfitrión polas novas instalacións e deu a coñecer os proxectos de futuro da entidade deportiva.

A entidade acaba de incorporar á súa frota de embarcacións un esquife adaptado -un tipo de bote de competición de remo deseñado para unha soa persoa- adquirido grazas a unha subvención de 6.200 euros da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no marco da liña de axudas para equipamento deportivo adaptado que o Goberno galego convocou por primeira vez o pasado ano. Esta incorporación incrementará a competitividade do club que ata o momento non teña presenza en ningunha competición de remo adaptado.

Na área de Ferrolterra tamén se beneficiaron destas achegas o Club Cabanas KDM, a Agrupación de Deportiva Minusválidos Ferrol, o club hípico Equo Alalma, de Ferrol; o club Pulpeiros Mugardos; o club tenis de mesa Cidade de Narón, e o club Náutico Folixa, das Pontes. O importe conxunto da axudas ascende a preto de 34.000 euros.

Nova nave de almacenamento

Aneiros tivo a oportunidade ademais de coñecer a nova nave de embarcacións do club, un inmoble destinado a cubrir as necesidades de almacenamento das embarcacións de banco fixo e facilitar os adestramentos dos distintos equipos e que contou cunha contribución de máis de 30.000 euros da Secretaría Xeral para o Deporte, concretamente para a construción do faiado da nave.

A delegada territorial aproveitou a ocasión para felicitar ao club polos bos resultados que está colleitando na máxima competición autonómica de traiñeiras que está a disputar estas semanas e destacou a necesidade de seguir fomentando a actividade deportiva tanto desde as administracións públicas como desde o clubs.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2024