A Xunta reforza a coordinación cos consellos reguladores e cos corpos e forzas de seguridade do Estado fronte á entrada de uva foránea na vendima

 O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na Subdelegación do Goberno en Ourense na habitual xuntanza anual para intensificar esa colaboración

 Redobraranse os esforzos nas inspeccións en estradas e especialmente nas zonas máis sensibles de cada denominación, identificadas dende a Agacal, co fin de protexer e preservar a calidade dos viños galegos e o seu valor no mercado

Ourense, 17 de xullo de 2024

A Xunta, os consellos reguladores e os corpos e forzas de seguridade do Estado reforzarán o control da entrada de uva foránea de cara á vindeira vendima. Así, redobraranse os esforzos nas inspeccións en estradas e especialmente nas zonas máis sensibles, de cada denominación, identificadas dende a Agacal, co fin de protexer e preservar a calidade dos viños galegos e o seu valor no mercado.

Esta maior intensidade dos controis abordouse na reunión de coordinación celebrada hoxe na Subdelegación do Goberno en Ourense e na que participou, en representación da Consellería do Medio Rural, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte. Esta xuntanza ten lugar todos os anos nestas datas previas á vendima, co fin de avanzar na coordinación destas tarefas de supervisión e control.

Así, intensificarase esa cooperación para a posta en común inmediata da información, de forma que se mellore a eficacia nestes labores, nos que tamén participa, por parte da Consellería do Medio Rural, o servizo da cadea agroalimentaria e control de prácticas comerciais desleais, correspondente á Dirección Xeral da PAC e do control da cadea alimentaria.

Desta forma, ao traballo que xa desenvolven de seu os consellos reguladores, súmase a implicación da Xunta e dos corpos e forzas de seguridade do Estado, cuxo papel é clave para detectar e impedir a posible entrada de uva foránea a través do transporte por estrada, con destino ás zonas amparadas por denominacións de orixe vitivinícola.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2024