O conselleiro do Mar visitou a empresa Pescados Orol S.L, situada en Burela

Villares destaca que as dúas ordes de axudas aos GALP posibilitarán mobilizar ata 2026 37,9 M€ para o impulso da actividade pesqueira

Estas achegas permitiron xa a execución de 64 proxectos por valor de máis de 8 millóns de euros e os proxectos presentados en 2024 están acadando a súa resolución

As 35 principais firmas do sector da Mariña facturaron 327 millóns e xeran preto de 600 empregos

Burela (Lugo), 17 de xullo de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destaca en Burela que as dúas convocatorias de axudas aos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) publicadas neste novo período Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) poñen a disposición destas entidades ata 2026 case 38 millóns de euros para impulsar a actividade pesqueira. Así o trasladou durante a visita realizada este mércores a Pescados Orol S.L, situada en Burela, e na que estivo acompañado da directora territorial, Mariña Gueimunde.

A través da Orde do 14 de setembro de 2023, publicada no Diario Oficial de Galicia do 26 de setembro,  puxéronse a disposición destes Grupos 18,4M€ que se distribúen do seguinte xeito: 8 millóns en 2023, 5,6 millóns en 2024, e 4,8 en 2025, e que permitiron que se executasen xa 64 proxectos, cun total de axuda pública de 4,9 millóns e un investimento privado doutros 3,25 millóns de euros.

Por esta orde, o GALP que máis recibiu foi o 7 Ría de Vigo-A Guarda con 941.000 euros (o 19%); seguido do GALP 2 Golfo Ártabro Norte cun total de 787.000 (o 16%), así como o GALP 6 Ría de Pontevedra (o 15%) e o GALP 4 Costa Sostible (o 14%).

Con posterioridade, o 31 de xaneiro publicouse no DOG unha nova convocatoria  no marco do FEMPA para este exercicio mediante Orde do 28 de decembro de 2023 cun orzamento de 19,5 millóns de euros distribuídos nas seguintes anualidades:  8,5 millóns en 2024; 5,9 millóns en 2025 e 5,1 en millóns en 2026.

A cuarta empresa do sector da Mariña

Pescados Orol S.L. é unha empresa familiar dedicada a comercializar peixe de cerco e anzol (pescada, bonito, rape, sardiña, verdel e bocarte) e marisco fresco (lagostinos, camaróns ou nécoras) desde hai 35 anos, de tal xeito que o 20% do seu produto se exporta, principalmente, a Alemaña, Francia, Italia e Portugal. Conta cunha corentena de empregados.

Neste senso, é unha das factorías máis destacadas da Mariña, ocupando o sexto posto no ránking de empresas da comarca en canto á cifra de negocio e o cuarto das do sector marítimo-pesqueiro. A súa facturación supera amplamente os 20 millóns de euros.

Este datos poñen en valor que a cadea mar-industria da Mariña ten un peso económico nesta zona da provincia de Lugo de enorme transcendencia. As 35 principais firmas pesqueiras da comarca facturaron 327 millóns de euros e xeran preto de 600 postos de traballo. Así o revela o informe Ardán, elaborado en 2023 polo Consorcio Zona Franca de Vigo cos rexistros das 41.000 maiores firmas de Galicia.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 17/07/2024