A Xunta inviste máis de 1,4 millóns de euros na rehabilitación de 9,3 quilómetros do firme da PO-254 que afecta a Ponteareas, Mondariz e Mondariz-Balneario

Os traballos incluíron a substitución da sinalización vertical

A reparación do firme permitiu mellorar a seguridade e comodidade dos centos de condutores e condutoras que utilizan a vía a diario

Reguera destacou o compromiso da Xunta co mantemento da extensa rede de estradas autonómicas

O delegado aproveitou a visita para anunciar que a Xunta contempla a proxección dunha senda peonil nesta vía

Ponteareas (Pontevedra), 17 de xullo de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as obras de rehabilitación do firme da PO- 254 á altura de Ponteareas.

Trátase dunha actuación que contou cun investimento da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de máis de 1,4 millóns de euros e que comprende 9,3 quilómetros de vía nos concellos de Ponteareas, Mondariz e Mondariz-Balneario.

As actuacións, que se centraron no inicio da estrada na glorieta de Ponteareas e o pq 9+341 situado en Mondariz, consistiron no fresado do pavimento e a reposición dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente.

Cabe destacar que a actuación tamén incluíu a substitución da sinalización vertical.

O delegado territorial asegurou que “este importante investimento permitiu mellorar a seguridade e a comodidade dos centos de condutores e condutoras que cada día pasan por esta vía”. Neste sentido, Reguera lembrou o compromiso da Xunta co “mantemento da extensa rede de estradas autonómicas”.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas continúa traballando na conservación das estradas autonómicas, a través do Plan de reforzos de firmes, co fin de reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade en condicións eficientes.

O delegado aproveitou a visita para anunciar que a Xunta contempla proxectar unha nova senda peonil que se construirá nesta mesma estrada. Trátase dunha demanda do concello no que a Xunta espera avanzar proximamente. A primeira fase da dita senda estenderase  dende o pq 0+520 ata o cruce da Freixa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2024