Xosé Merelles salienta os valores do camiño e do fenómeno Xacobeo e a súa capacidade para xerar iconas que perduren no imaxinario colectivo

Participou esta tarde nun coloquio celebrado na Cidade da Cultura para presentar o libro de María José Alonso ‘Zapatones, el eterno peregrino’

Santiago de Compostela (A Coruña), 17 de xullo de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta tarde nun coloquio sobre a figura de Juan Carlos Lema Balsas, coñecido popularmente como Zapatones que serviu de marco para a presentación do libro de María José Lorenzo, Zapatones, el eterno peregrino. Xosé Merelles salientou a traxectoria dun “personaxe emblemático ligado á cultura xacobea, instalado no imaxinario colectivo” e agradeceu o traballo realizado pola xornalista que non só enxalza a figura senón que pon o acento sobre os valores que implica o Camiño e o fenómeno xacobeo, “unha marca indiscutible ligada a Galicia”.

O director de Turismo de Galicia referiuse á obra de María José Lorenzo subliñando que “dignifica a súa historia (de Zapatones) de forma novelada, con pinceladas biográficas, construíndo un interesante relato que reivindica non só a súa figura, senón tamén o Xacobeo 93”. Xosé Merelles lembrou coma o Xacobeo 93 “impulsou definitivamente o turismo en Galicia ligado ao fenómeno Xacobeo e puxo á nosa comunidade no mapa dunha España que avanzaba” ocupando un lugar á par de grandes acontecementos daqueles anos coma as Olimpíadas de Barcelona 92 e a Expo de Sevilla.

Neste punto, o director de Turismo de Galicia referiuse a Víctor Vázquez Portomeñe, presente tamén no acto, coma un dos artífices daquel Ano Santo que “foi o eixo, o motor do desenvolvemento do turismo e deunos unha patente de modernidade”.

Xacobeo 2027

O director de Turismo de Galicia destacou o impacto social e económico que tivo o Camiño de Santiago en Galicia nos últimos 30 anos. Neste senso, destacou que hoxe o Xacobeo é “todo un referente sociocultural que implica a toda a Comunidade e nesa liña imos seguir traballando para encarar o próximo Xacobeo, o do ano 2027.

Ademais, lembrou que máis de 243.000 persoas xa recolleron a súa peregrina no que vai de ano, o que “representa un 15% máis que o ano pasado a estas alturas”, e indica que o Camiño é “un motor indiscutible de dinamización turística da nosa Comunidade”.

Durante a tertulia, moderada polo xornalista Moncho Lemos, na que tamén participaron a autora, o canciller da Archidiócese de Santiago, Elisardo Temperán e o editor do libro Gonzálo Sáenz coa presenza como convidado do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, o director de Turismo de Galicia destacou que Zapatones está “vivo na historia recente do Camiño e do Xacobeo” pese a que moitos descoñecen a súa dura historia persoal. De neno foi entregado á Casa Cuna de A Coruña onde iniciou un periplo por centros de acollida de carácter relixioso para logo traballar como camareiro antes de converterse en Zapatones. Referíndose á autora, o director de Turismo de Galicia quixo agradecer o seu esforzo por enxalzar un personaxe tan popular pero tamén polo impulso que “que lle está dando á perspectiva espiritual do Camiño” e felicitouna pola excelente acollida que está a ter o libro.

Finalmente, Xosé Merelles concluíu destacando  tres aspectos resume do acto. Por un lado a importancia do Camiño de Santiago con todo o que significa en canto a súa historia, tradicións, personaxes e a cultura viva que desprende. Por outro, “a popularidade, a tenrura, o carácter afable dun personaxe que nos regalou as súas horas de vida, recibindo e compartindo experiencias con miles de peregrinos que culminaban o Camiño”. E “o pasado brillante dun Xacobeo que encumbrou Galicia e que nos puxo no mapa dos grandes eventos en España e que ha de servirnos, dalgún modo, como espello no que mirarnos para revertelo en futuro e progreso para Galicia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2024