A Xunta aborda os principios da política do urbanismo de Galicia nun congreso en Guimarães

A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, participou hoxe xunto a expertos das administracións e da universidade no Seminario Luso-Galaico sobre o Réxime Xurídico das Actuacións nos Solos Rurais e as Vilas de Galicia e Norte de Portugal

Guimarães, 17 de xullo de 2024

A directora xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas, participou este mércores nun simposio sobre o Réxime Xurídico das Actuacións nos Solos Rurais e as Vilas de Galicia e Norte de Portugal que se desenvolveu na cidade portuguesa de Guimaraes. O evento, que se celebrou na Escola de Arquitectura, Arte e Design da Universidade do Minho, está promovido pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial de Galicia-Norte de Portugal, ao abeiro do Programa Iacobus 2024.

Na súa intervención, Rivas afondou nos “Principios da política do urbanismo de Galicia” e incidiu na figura dos núcleos de poboación na comunidade, unha das “innumerables” manifestacións materiais e espirituais que renden conta da íntima relación entre o home e a súa contorna, e que durante xeracións deron forma á singular paisaxe rural de Galicia”. “Un valioso patrimonio -sinalou- que nos compromete como sociedade, obrigándonos a manter a memoria do pasado que entregaremos ás xeracións que nos sucederán”. 

Encarnación Rivas expuxo tamén as distintas medidas que a Xunta de Galicia ten implantado nos últimos anos para acadar a simplificación e a axilización na tramitación dos planeamentos urbanísticos, fixándose como prioridade estratéxica a procura da maior seguridade xurídica e transparencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2024