O director das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación da oitava edición do festival

A Xunta apoia a través de Fest Galicia a experiencia de música, gastronomía e patrimonio do 17º Ribeira Sacra

O evento é unha das citas musicais que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa mediante a adhesión á súa marca de calidade para os festivais galegos

Morcheeba e Queralt Lahoz, xunto con nomes galegos como Carlangas y Los Cubatas, Mondra ou De Ninghures, son algunhas das 14 propostas do cartel

As actividades, incluídas na campaña ‘CulturON’ desenvolveranse do 26 ao 28 de xullo en Sober, Chantada, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Monforte de Lemos

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2024

O 17º Ribeira Sacra Festival celebra a súa oitava edición do 26 ao 28 de xullo cunha programación que inclúe 14 artistas, gastronomía, arte e actividades de promoción do territorio nos concellos de Sober, Chantada, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Monforte de Lemos. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apoia a organización do evento cun patrocinio de 70.000 euros a través da adhesión á marca FEST Galicia.

Ademais da calidade musical, o 17º Ribeira Sacra, incluído na campaña CulturON que enche de actividade cultural os meses de verán, destaca pola naturalidade coa que se integra nos espazos da contorna e pola posta en valor do patrimonio e da natureza, motivos polos que volve formar parte do distintivo creado pola Xunta para promover o territorio galego como destino musical de calidade baixo criterios artísticos e de sustentabilidade. 

Así o destacou o director das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, que participou este mediodía na presentación da oitava edición do festival que organiza a empresa cultural galega I-Radia Crea. O Balcón Enoturismo das adegas Regina Viarum, en Doade, no Concello de Sober, foi o lugar escollido para o acto, onde tamén o festival instalará o escenario principal FEST Galicia. 

O representante da Xunta puxo en valor a selección de propostas musicais galegas, un compromiso que o festival mantén desde a súa creación, así como a integración do 17º Ribeira Sacra no colectivo Festivales Territorio xunto a encontros tan singulares do resto do Estado como son Esférica, na Rioxa Alavesa, Nómade-Alcusses-Alforins, en Valencia, Tierra Bobal Fest, en Utiel (Valencia) e Festival Canari, que se celebra entre as illas de Lanzarote e La Graciosa. A Xunta mantén tamén unha colaboración adicional con este programa apoiando a actuación de artistas galegos nalgúns destes eventos.

Concertos, arte e degustacións

No escenario FEST Galicia actuarán algúns dos cabezas de cartel desta oitava edición do 17º Ribeira Sacra, como o grupo inglés Morcheeba, a catalá Queralt Lahoz, os alemáns Say Yes Dog e o músico irlandés-iraní Glassio, xunto ás propostas galegas de Faneka e de Carlangas y Los Cubatas. No resto dos escenarios, a programación de bandas galegas complétase cos concertos de Mondra e De Ninghures aos que se suman artistas do panorama estatal como The Parrots e Doctor Explosión.

Ademais, o festival volve brindarlle ao público experiencias gastronómicas, culturais, paisaxísticas e etnográficas intimamente vencelladas á idiosincrasia da Ribeira Sacra. Haberá concertos en catamarán, rutas polas adegas, catas de produtos gastronómicos e vitícolas, conversas sobre arte e a exposición Artes líquidas, da luguesa Annita Rivera. 

No referente á gastronomía, nesta edición a selección de pratos para degustación estará elaborada polo restaurante O Casar de Monforte de Lemos, co chef Rafa Centeno á fronte desde as cociñas de Vértigo, o restaurante de Regina Viarum. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2024